Leilía: «Actuar na Quintana é como revestirse de maxia»

O grupo participará o venres no festival folk que organiza La Voz


Santiago / la voz

Levan dende 1989 sobre os escenarios como grupo. As compoñentes de Leilía, a piques de cumprir 30 anos do seu debut, teñen percorrida toda Galicia e parte do estranxeiro, coas súas pandeiretas e as cancións que foron recuperando da tradición oral como compañeiras de viaxe. A seguinte parada non será unha máis. «Para nós A Quintana é unha praza que impresiona. Faino xa cando chegas como camiñante, pero cando sobes a un escenario nela é como revestirse de maxia», indica unha das integrantes, Ana Rodríguez, sobre a súa participación o venres no festival folk que organiza La Voz. «Compostela é a nosa casa e temos moitas ganas de tocar aquí», engade.

O grupo de cantareiras e pandereteiras interpretará, a partir das dez da noite, o repertorio do seu último disco, Consentimento. E tampouco faltarán eses outros temas anteriores «que sabemos que funcionan ben co público», adianta. Chegan cun espectáculo «cun formato especial», que contou coa colaboración de Quico Cadaval como director artístico e no que se tratou de «dignificar a posta en escena».

Esta compleméntase cos traxes da tenda De Cotío, confeccionados sobre teas e bordados tradicionais, e os zocos de Elena Ferro, que simbolizan dalgunha forma a esencia do grupo, subliña Ana Rodríguez: «Partindo da tradición, con esas plataformas e taconazos evolucionan para estar actualizados, coma nós». E, para unha ocasión especial coma a do venres, haberá tamén sorpresas. Leilía compartirá escenario con artistas convidados.

A compoñente de Leilía recordou que Consentimento é «unha forma de dar valor ás mulleres, que son as que crearon, conservaron e compartiron con nós, de forma altruísta, un legado que estaba abocado a morrer. Quixemos facerlle unha homenaxe a todas elas, a través da figura de Eva Castiñeira, a primeira pandereteira gravada en disco nos anos 80.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Leilía: «Actuar na Quintana é como revestirse de maxia»