Fernando Buide: «Fun músico en parte por escoitar de neno á Banda Municipal de Santiago»
SANTIAGO
O autor prepara unha ópera xunto á compañía teatral compostelá Voadora
12 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.O de compositor é un oficio solitario. Por iso para Fernando Buíde (Santiago, 1980) traballar co dramaturgo Fernando Epelde e coa directora de escena Marta Pazos, ambos da compañía teatral Voadora, foi unha oportunidade de reaprender o proceso creativo. No 2019 estrearán A amnesia de Clío, ópera na que a protagonista, Cicciolina, estrela porno dos oitenta, enfróntase ao expresidente estadounidense George Bush. Unha mostra da eclecticidade dun músico cunha carreira pragada de éxitos.
-Lendo o seu currículum poderíase pensar que os compositores son unha sorte de «freelance» da música.
-Realmente si. Normalmente os compositores sempre simultaneamos, ou ben con docencia ou ben con dirección de orquestra. Son poucos os compositores que se dedican ao cen por cen á composición. O cal para min tampouco é malo! Buscas os ocos para dar a coñecer o teu traballo.
-Neste panorama terán gran importancia bolsas de fundacións privadas.
-Efectivamente. Depéndese tanto das axudas públicas como de fundacións de iniciativa privada. Eu tiven a sorte de obter unha bolsa da Fundación Barrié, ou agora a nivel estatal da Fundación BBVA.
-Vostede compón pezas propias, pero a gran maioría son por encargo. Cambia moito o proceso creativo en cada caso?
-Eu sempre intento, no caso de proxectos de gran envergardura, facelos cando é un encargo. Así garantes que o teu esforzo vai ter unha plasmación. Si hai cousas que fago porque quero, na casa, como pura necesidade artística. É un work in progress constante. Cando traballo por encargo intento partir dunha idea poética. Traballo cun título de partida para perfilar o espírito, o que quero transmitir. Despois sempre teño moi presente o grupo ou a formación para a que vou compoñer.
-En xuño estrouse «Do Gaiás ao Pedroso», que compuxo para o 170 aniversario da Banda Municipal de Compostela.
-Ese encargo fíxome moita ilusión, porque son picheleiro e fun músico en parte por escoitar de neno á Banda Municipal. Téñolle moito cariño. Decidín intentar lembrar as emocións, o desfrute de escoitala cando era pequeno. Era case como unha celebración.
-Non é a primeira vez que unha composición súa leva un título que evoca a Galicia.
-Eu tento transmitir as miñas experiencias emocionais. Inda que vivín fóra as experiencias emocionais sempre están vinculadas ao que un vive e lembra. Entón moitas das miñas veñen de Galicia. É un xeito de poñer na música ese recordo.
-Cales son ás sensacións cando escoita esas lembranzas da man das orquestras?
-É unha experiencia moi bonita. Dalgunha maneira os propios músicos son os teus primeiros receptores, que á vez te transmiten. É un xogo moi estimulante.
-Como xurde a idea de traballar en «A amnesia de Clío»?
-Eu coñecía o traballo de Fernando Epelde e de Voadora. Interesábame moito o seu punto de vista. O traballo de Marta Pazos sempre me encantou. Cando conseguimos a bolsa Leonardo da Fundación BBVA, que fago en colaboración coa Real Filharmonía de Galicia, pensei que era a miña oportunidade de traballar con este tándem.
-Traballar xunto a Epelde é unha experiencia diferente?
-É un proceso moi particular. Na ópera a creación faise en compartimentos estancos. Aquí a partitura e o libreto están moi vivos, en proceso de cambio constante É moi enriquecedor.
-Compostela é, musicalmente, unha cidade moi variada.
-Hai moita oferta, escoitamos todos os xéneros e aos mellores de cada xénero. Santiago é como un museo sonoro ao aire libre.
Carreira musical. Estudou en Santiago, en Oviedo e doutorouse na Universidade de Yale. É mestre no Conservatorio.
Obras. Gañou o premio de composición orquestal AEOS-BBVA con «Fragmentos del Satiricón». A Real Filharmonía gravará xunto a Chus Pato a súa obra Pasaxes.