SondeSeu funde en «Arraianos» a música do noroeste peninsular

La Voz

SANTIAGO

cedida

O espectáculo da orquestra folk abre esta noite as actividades do verán na Cidade da Cultura

22 jun 2018 . Actualizado a las 04:55 h.

21 horas • Cidade da Cultura • Entrada libre e de balde • «Expoñer a música do noroeste da península». Esa é a intención do espectáculo Arraianos, que a orquestra folk SondeSeu ofrecerá por primeira vez en Galicia e que servirá para abrir a programación de verán na Cidade da Cultura. «É a conxugación das diferentes culturas porque hai zonas nas que beben unha das outras máis alá das fronteiras xeográficas», explica Xaquín Xesteira Losada, membro da orquestra folk.

Esta noite, ao escenario do Gaiás subirán medio cento de compoñentes de SondeSeu. Acompañaranos Vanesa Muela, que traerá ao Gaiás a voz e a percusión de Castela e León; o gaiteiro asturiano Xuacu Amieva; e o multiinstrumentista portugués Daniel Pereira. Os tres artistas tamén ofrecerán pezas en solitario. SondeSeu xa estreara o espectáculo en Oviedo e este ano tamén está previsto que o presenten en Pontevedra, nas festas da Peregrina, e en Lugo, no San Froilán.

Novo disco

Esta noite, a orquestra folk de música contemporánea tamén ofrecerá temas do disco que acaba de publicar, Beiralúa. Un traballo con diferenzas cos do resto da súa traxectoria. «Incluímos temas de autores de fóra da orquestra. Son da tradición oral pero arranxados para este disco por outra xente do panorama folk galego para que a aportaron a súa visión de SondeSeu», explicou Xesteira. Deste xeito, hai obras creadas para orquestra por Xosé Lois Romero, Quico Comesaña e Pedro Lamas. Iso si, o coordinador da sección de gaitas indica que a sonoridade da formación mantense neste repertorio, que non era o habitual nestes dezasete anos de traxectoria.

A canción que dá nome ao disco, Beiralúa, suma 16 minutos e foi composta para a candidatura das illas Cíes a Patrimonio da Humanidade.