O verán brinda 67 actividades para reencontrarse no Gaiás

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

A programación arranca o Día da Música coa orquestra de SondeSeu

19 jun 2018 . Actualizado a las 00:39 h.

Un ano máis, e xa van oito, 67 atractivas razóns invitan a subir ao Gaiás. Son as que van incluídas no programa “Verán no Gaiás” presentado hoxe polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e María Pereira, directora de Acción Cultural do Gaiás, nun acto no que tamén estiveron algúns dos artistas que participan no amplo abano estival, así como o profesor Docobo, xa que as visitas astronómicas son un dos principais atractivos do programa. Ademais do esperado “Atardecer no Gaiás”, que este ano invita a 22 grupos a despedir con música as xornadas dos xoves, venres e sábados, haberá espectáculos para todas as edades, exposicións, xincanas literarias, romarías, festivais de bandas, intervencións artísticas, concertos como o de Emilio Rúa, andainas e acampadas para gozar dun espazo natural que medra co Bosque de Galicia, o Parque do Lago ou o seguinte proxecto verde, o Xardín do Teatro.

O programa arrancará o 22 de xuño, Día da Música, coa orquestra folk de SondeSeu, que ofrecerá o concerto “Arraianos”. Como petisco do que vén por diante, a compositora Natasia Zürcher ofreceu unha escolma da súa proposta artística aos presentes na presentación de “Verán no Gaiás”.