Carmen Conde: «Se a un velorio lle quitas o morto, pode ser unha festa»

La Voz

SANTIAGO

David Tombilla

Converterá nunha serie web o seu espectáculo de historias de mortes e hoxe organiza unha gala para financiala

12 jun 2018 . Actualizado a las 04:55 h.

22 horas • Dado Dadá • 15 euros • A guionista Carmen Conde non para estes días. O sábado quedou finalista nun concurso estatal de slam poético en Valencia e hoxe organiza unha gala benéfica para financiar unha serie web, Premios Darwin, que lle da continuidade ao seu espectáculo do mesmo título que versa sobre mortes absurdas. Na gala actuarán Quico Cadaval, Vero Rilo, Avelino González, Ángeles Goás e Celso Fernández Sanmartín.

-Como xurdiu a idea de basearse en mortes absurdas?

-Os meus pais contáronme un caso dunha morte absurda xa que foi por unha mala interpretación dos resultados médicos. Pensei que non podía ser o único caso e púxenme a investigar. Atopei moito máis do que podía esperar: teño excedente de anécdotas. Configurei un espectáculo con trece distintas, polo que moitas quedaban fóra, por iso decidín facer a serie web e contar todas aquelas que ao rematar cada función os espectadores me viñan aportar.

-Cando empezará a gravar?

-En setembro. Está o guión escrito e o equipo técnico e artístico escollido, e agora só faltan os cartos. Por iso facemos esta gala.

-Rompeuse xa co tabú á hora de falar da morte?

-Sempre digo que se a un velorio lle quitas o morto, entre ás anécdotas e un pouco de café, pode ser unha festa.

-Incorporou moitas desas historias que lle contou a xente?

-Si, de feito retirei algunha das que eu tiña no guión inicial en favor doutras que foron chegando.

-E a que máis lle marcou?

-Unha nai deixoulle dito as súas fillas que, cando a enterraran, lle puxeran un vestido que estaba nunha caixa enriba do armario. Era unha muller moi devota, sempre de negro... E cando as fillas abren a caixa atopan unha bata de cola vermella de lunares brancos. Despois, cando puxeron en venda a casa atopan outra caixa e alí estaba o vestido que de verdade quería a súa nai. ¡Incríble!

-Acaba de participar nunha competición poética. Que supuxo ser finalista?

-Foi unha emoción incrible porque a miña poesía non a amoso habitualmente. Entón, pasei de non amosala a estar nunha competición estatal competindo con grandísimos poetas de todo o Estado. Agora, estou convidada a recitar en distintas partes de España.

-Combinará, entón, humor e poesía a partir de agora?

-Poden ir combinados, de feito, o humor é moi lírico, e ao revés. Eu tamén lle meto bastante humor á poesía.