O folclore galego reivindícase no Gaiás

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

manuel G. vicente

Milleiros de persoas acudiron durante estes días ao primeiro Encontro Galego de Cultura Popular

11 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Eses traxes que hai máis dun século vestían os galegos, tanto nas festas como no día a día nas labores do campo, subían onte á pasarela na Cidade da Cultura. Dengues, mantelos, polainas, gorros sen costuras, mantóns de Manila, carozas..., que observaban con detalle máis dun cento de persoas. E iso que só pasaran seis horas dende que terminara o Foliadón, porque aínda que estaba previsto que todo rematara ás tres da madrugada, a festa prolongouse o sábado ata ás cinco cos cerca de vinte artistas -entre os que estaban Uxía, Davide Salvado ou Susana Seivane- e grupos, xunto con informantes que subiron ao escenario nun dos actos centrais da primeira edición do Encontro Galego de Cultura Popular, Serán’01.

Dende o venres pola tarde, todo o sector ligado ao folclore tradicional galego, dende os grupos de baile ata os festivais pasando polos talleres tradicionais que elaboran instrumentos ou confeccionan os traxes, reuníronse no Gaiás, por onde pasaron milleiros de persoas, segundo destacou a organización. «A valoración é superpositiva. Dende o venres estivo todo a tope de xente. Espero que isto valga para poñer en valor a nosa cultura tradicional, hai que preservala porque se non se fai é como quen non conserva a catedral», destacou onte Quique Peón, director artístico desta primeira edición do encontro.

Se antes da súa celebración o obxectivo xa era darlle continuidade a este Serán’01, visto o resultado, tanto de ventas como de ambiente, aínda hai máis gaaas para organizar novas edicións. «Foi unha maneira de botar músculo», engadiu Peón.

Nesta cita participaron dende os novos valores, cos membros da canteira, ata os máis veteranos, aqueles que transmitiron a cultura tradicional ás novas xeracións. As ganas eran iguais. Só había que ver a algúns deses informantes de maior idade bailando de madrugada no Foliadón, como o grupo de Anxeriz.

Unha emotiva interpretación conxunta do Himno Galego por un cento de voces de dous coros históricos galegos centenarios, Toxos e Froles e De Ruada, serviu onte pola tarde para poñer o broche ás tres xornadas folclóricas. E con moitas ganas dunha nova baila para o vindeiro ano.