Sanpedreiros


As columnas ándanlle un pouco tortas, pero ¿quen non dobra se leva a pé dende a Idade Media? A poucos metros da Colexiata de Sar, un dos poucos tesouros patrimonais do que os picheleiros aínda temos o privilexio de facer uso, hai un bar. Tiña que habelo. A carón da igrexa ten que haber sempre un bar. E nese bar medrou a lingua. Porque as linguas, por moito que a testana RAE considere o contrario, avanzan rápido. Á mesma velocidade que as persoas que as utilizan. Na Chantadina, símbolo dun barrio tradicional como o de Sar, había sanpedreiros. O neoloxismo empezou a correr de timeline en timeline -que lle imos facer, o inglés é o Usain Bolt dos avances lingüísticos- despois de que o contase Xesús Piñeiro. A rapazada do barrio de Sar usa sanpedreiro como sinónimo de hipster. Unha obra mestra. Unha capacidade de síntese, de uso acaído das referencias culturais propias.

Sanpedreiro. A palabra é tan redonda que ao pronunciala deixa un sabor agridoce na boca. Sabe a xente moza. A novidade nun barrio no que moitos aprendemos xuntos a camiñar, a ler, a xogar ao baloncesto, a bicar. Que pasamos de fillas a nais camiñando polas mesmas rúas. No que aínda nos chaman polo nome dos pais e ata dos avós: a neta de Barreiro, Tamara de Celia. No que a rutina entraba cada mañá pola porta da casa e saía canda nós pola porta da escola. Sanpedreiros. Sabe doce polas festas. Polos novos veciños. Pola renovación dos negocios. Polos mozos. Pero amarga. Queda atoado na gorxa cando un pensa nos perigos. Gentrificación. Ese monstro con nome anglosaxón que ceba os barrios para logo comelos.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

Sanpedreiros