Luis Moure: «É unha sorpresa a moita xente nova que nos contacta para pedir axuda»

A carreira deste domingo e un concerto o día 30 apoian a oferta de rehabilitación da asociación de esclerose múltiple, da que é vicepresidente

.

SaNtIaGO / LA VOZ

Este domingo, desde as 11.00 da mañá, no Campus Vida, comezan a carreira e a andaina solidarias que organiza a asociación de esclerose múltiple de Santiago; e o día 30, desde as 19.00, hai un concerto solidario coa entidade no IES Rosalía de Castro. «Son dúas actividades importantes que coinciden coa celebración do Día Mundial da Esclerose Múltiple, para financiar as actividades que promovemos, orientadas a mellorar a calidade de vida das persoas afectadas. Ofrecemos rehabilitación, logopedia, fisioterapia, psicoloxía, asesoramento de profesionais de traballo social, pilates e outras, na nosa sede de Salgueiriños, da rúa Queixumes dos Pinos», afirma Luís Moure, o vicepresidente.

«A carreira xa está enraizada na cidade, que responde moi ben. A sociedade e o empresariado de Santiago apoian cando coñecen a nosa situación e as demandas que facemos para favorecer a integración de persoas do noso colectivo», acrecenta Luís.

Centos de persoas apoian a carreira e a andaina, participando ou facendo a inscrición e contribuíndo desde a fila 0. Quen se queira sumar á proba deportiva aínda se pode anotar ata esta tarde, por Internet, pois o prazo finaliza ás 16.00 horas, indica. «Usamos todo o diñeiro que se reúne para consolidar o noso proxecto, que ten dúas partes principais: a rehabilitación integral das persoas asociadas e manter o edificio que utilizamos como sede e para as actividades, pois ten un custo grande», indica.

Luís salienta que tamén teñen axudas das Administracións «e este ano estamos a facer un esforzo pedindo axudas do colectivo empresarial, con visitas para explicar os nosos proxectos. Observamos que hai moito descoñecemento e, cando o coñecen, a receptividade é enorme, estamos moi satisfeitos, e moi felices da solidariedade que ten con nós esta cidade», di.

Precisan destes apoios, insiste, porque «nos últimos meses para nós é unha sorpresa a moita xente nova que nos contacta para pedir axuda. De feito, remodelamos a xunta directiva para integrar unha representación dese colectivo de persoas con idades entre 20 e 35-40 anos». Moitas desas persoas chegan «desorientadas, sobre todo cando procuran información por Internet, que é por veces moi negativa. Non todas as persoas que se diagnostican hoxe de esclerose van finalizar nunha cadeira de rodas. A investigación e os avances da Medicina conseguiron paliar os síntomas e mellorar moito a calidade de vida; e na asociación pretendemos ser un instrumento para que haxa unha maior integración en todos os ámbitos», manifesta.

Luís sinala que, perante o elevado número de persoas novas, mesmo se interesaron no servizo de neuroloxía do hospital da causa diso, «e din que é porque agora hai métodos que permiten detectar mellor a doenza. Antes as persoas diagnosticadas eran de idades máis avanzadas».

Segundo Luís «na asociación precisamos moitas mans, ideas, apoio e participación para manter as iniciativas en que andamos empeñados».

Unha das reivindicacións que teñen hai anos, e que non se concreta, é «que se unifiquen os criterios de valoración da discapacidade para as persoas afectadas de esclerose múltiple. A nosa asociación non ten ánimo de lucro, e pedimos que cando unha persoa é diagnosticada de esclerose, que se lle recoñeza tamén unha discapacidade dun 33 %, pois iso suporía o acceso a unha serie de dereitos importantes para dignificar a súa vida. Non se conseguiu aínda, e insistimos. Como tamén demandamos que haxa menos barreiras para as persoas que teñen problemas de mobilidade, ou que se favoreza a integración laboral das persoas afectadas».

Directivo. Luís Moure leva 6 anos como vicepresidente da asociación de esclerose.

Apoios. O domingo celebran unha carreira solidaria, e o día 30 un concerto.

Axuda. A asociación ofrece servizos de rehabilitación, logopedia, asesoramento, psicoloxía e outros apoios.

Votación
3 votos
Comentarios

Luis Moure: «É unha sorpresa a moita xente nova que nos contacta para pedir axuda»