O CEIP Barrié de la Maza é o cole máis saudable de Galicia

A Xunta premia o centro educativo xalleiro polo seu proxecto deportivo para os recreos


santa comba / la voz

Tres son os eixos fundamentais do Proxecto Deportivo de Centro do CEIP Barrié de la Maza, que vén de ser recoñecido pola Secretaría Xeral para o Deporte co premio Galicia Saudable á entidade educativa destacada no fomento da actividade física e hábitos de vida activa, a actividade física, a alimentación saudable e as novas tecnoloxías. Recollerán o galardón o vindeiro luns nun acto en Pontevedra, xunto a deportistas como Lucas Vázquez e Paula Ginzo, ou entidades como o Real Club Celta de Vigo.

Todo un orgullo para un colexio de 389 alumnos que, co presente, leva cinco cursos apostando por un proxecto que vai máis aló dos recreos. Alí, desenvolven o groso do mesmo, con iniciativas novidosas como os xoves sobre rodas, onde os nenos poden levar patíns e patinetes, ou a carreira saudable coa que recadaron 1.400 euros destinados a tarefas humanitarias promovidas pola ONG Save the Children. Ademais, nos recreos contan cun amplo catálogo de xogos tradicionais.

«Este curso dividimos as actividades entre os profesores, pois uns ocupáronse da carreira solidaria, outros dos talleres sobre alimentación saudable, pola paz, e así co resto de actividades», sinala a súa directora, Dolores Nieto, que incide nun aspecto fundamental: ao principio de curso os escolares elixen que facer nos recreos, ben a actividade conxunta do divertipatio, ou seguir co tradicional dos recreos, onde observaban que era un «fútbol anárquico, onde participaban maioritariamente os nenos, e as nenas eran unha minoría», tal e como apunta César Ramos, coordinador do proxecto, onde o divertipatio é a actividade estrela: «Trátase de facer os recreos máis activos e darlle alternativas de ocio aos alumnos», sinala.

Postre, unha vez ao mes

No comedor escolar do Barrié adaptan os menús a unha alimentación saudable, fixada por Educación, no que sempre hai verduras de primeiro, un segundo prato que leva os hidratos e proteínas, e logo a froita. «Marcáronnos que unha vez semana haxa o iogur e unha vez ó mes, a sobremesa ou postre», di a directora; aparte dos talleres saudables, «onde os nenos crean as súas propias receitas e despois degústanas», como sucede a comezos de abril cadrando coa semana da saúde. Outro proxecto é o de froita fresca, co reparto para os recreos en épocas do curso.

Un dos principais cambios foi o das merendas. Inicialmente eran libres «e aínda que non forzamos a ninguén, vimos que se van concienciando porque reduciuse a bollería industrial», segundo Dolores Nieto.

O colexio xalleiro foi un dos pioneiros en participar na plataforma DAFIS para saber o estado físico dos escolares. César Ramos comenta como en todas as aulas «medimos os diámetros corporais e pesamos ao alumnado» para reducir as porcentaxes de peso que -di- «pese a redución, seguen sendo porcentaxes elevadas, nas que hai un 47 por cento de rapaces con sobrepeso, que non obesidade». En cursos maiores como quinto e sexto «facémoslles todas as probas, de flexibilidade, resistencia ou forza», afirmou César Ramos.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

O CEIP Barrié de la Maza é o cole máis saudable de Galicia