Campaña de «LEITura», microrrelatos e reedición de contos con Feiraco

La Voz

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

Iniciativa pública e privada colaboran arredor das Letras Galegas

03 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

As Letras Galegas quentan xa motores de cara á conmemoración da festa da palabra, un acontecemento capaz de unir á iniciativa pública e á privada a prol da promoción da lingua. Así o demostraron, un ano máis, Política Lingüística e Feiraco, que colaboran conxuntamente nunha campaña «de responsabilidade e proxección social», destacou o secretario xeral, Valentín García, quen deu a coñecer onte en Santiago as actividades xunto co vicepresidente de Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) e presidente de Feiraco, José Montes.

Entre elas está o Certame de Microrrelatos, que por sétimo ano busca incentivar a lectura e a creación literaria. Hai dúas categorías: de 13 a 18 anos e a partir dos 19. Todos eles deberán presentar, antes do día 17, unha trama desde unha aplicación habilitada no Facebook de Feiraco a partir de «Subiu ata o faiado da casa e alí...» (frase tomada de A festa no faiado, de María Victoria Moreno).

Por outra banda, nas redes sociais promoven a iniciativa Practica a LEItura, que anima ao consumo de libros e de leite. Tamén reeditan os contos De ónde vén o leite? que explican aos nenos o proceso dende que sae da granxa ata que chega á mesa. Ademais, Feiraco colabora na V Carreira Camiño das Letras e no Concurso-Exposición Letras Galegas.