Rosa Aneiros: «A miña primeira novela escribina nos tempos mortos na facultade»

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

A escritora e xornalista di que desde que le en alto para os seus fillos, a súa literatura é diferente

30 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Naceu no Meirás de Valdoviño, non no de Sada, ultimamente tan coñecido polo pazo reclamado á familia Franco. Rosa Aneiros é a maior de tres irmáns. Boa estudante, chegou a Santiago para facer Xornalismo, unha carreira que escolleu pola curiosidade de coñecer, «e por ter o privilexio de poder preguntar sen que che digan, métete no teu», conta. Eran mediados dos 90, na época do babyboom e da movida universitaria de luns a domingo.

E claro, foron anos moi bos, de moita aprendizaxe, nos que residiu no colexio maior Fonseca, un lugar que tamén considera un dos rincóns da súa vida. «No colexio maior aprendín e vivín moito». Lembra un acontecemento que a marcou moito, polo que os mozos se xogaban neses anos. «Tiña unha compañeira no colexio que estudaba Dereito, era filla de mariñeiro e cando suspendeu a terceira materia soubo que se lle acabara a vida universitaria. Daquela se perdías a bolsa non estudabas porque todos tiñamos irmáns». Chegaban con 18, atopaban unha vida de liberdade, «entrabas nesa voráxine e houbo xente que se deixou arrastrar», apunta.

Non foi o seu caso. Non foi das mellores pero si tiña un nivel medio nunha facultade na que non había que estudar moito pero si facer prácticas e traballos a reo. Gustoulle moito a carreira. «Colleume un ano no que nos daba clase xente que estaba nos libros, Beiras, Barreiro Rivas, Barreiro Fernández, os grandes tótems da cultura galega, e impactaba», conta. Xa daquela escribía. No 99 publicou a súa primeira novela. «Escribina nos tempos mortos na facultade», di. E Miguel Túñez, un dos seus profesores, sabíao, «dicíanos, ‘son perfectamente consciente de que escribides novelas nas miñas clases’». Di que escapa da xente que coñece cando se trata de artellar unha obra «coa miña vida privada son bastante hermética, e non meto a xente coñecida», aínda que como dicía Agustín Fernández Paz, «as novelas técense cos fíos da vida».

Desde que chegou a Santiago xa non marchou. Cando rematou a carreira fixo prácticas nun par de gabinetes de comunicación da Xunta, entre eles o de Presidencia, nos anos de Manuel Fraga, «un fin de semana tocoume levarlle o dossier de prensa a Roxos, recordo de pensar: ¡por favor que non me tope co presidente!».

Logo marchou a unha revista chamada Campo da festa na que o pasou en grande, e xa no 99 déronlle unha bolsa para o Consello da Cultura, de onde xa non marchou. «Empecei a traballar aquí con Xosé López, o meu papá laboral e o mellor xefe do mundo». Alí pasou por diferentes actividades pero sempre tivo a necesidade de escribir, «é o que máis me gusta do mundo, como un veleno, cando teño unha idea na cabeza procuro non empezala, porque cando a empezo atrápame e teño que escribila»

Vive a literatura sen horarios e non é capaz de chamarse a si mesma escritora. Lectora ávida, nestes momentos está centrada na literatura infantil, «do que len meus fillos eu leo o dobre e estou descubrindo un mundo fascinante». Tamén cambiou o seu modo de enfrontarse á escritura. «Desde que leo en voz alta a miña literatura é diferente», afirma. Porque con esta práctica deuse de conta de que a sonoridade era outra, «normalmente os que nos dedicamos á construción escrita estamos aferrados a un diálogo segundo a o que ti queres dicir, e iso ten pouca oralidade, polo que cando les en voz alta dáste conta de que ese diálogo non é real», explica esta veciña de Valdoviño que xa se sinte da cidade na que leva máis de media vida.

Nome. Rosa Aneiros. Naceu en Meirás, no concello de Valdoviño, en 1976.

Profesión. Xornalista. Traballa no Consello da Cultura Galega. Cústalle chamarse escritora.

Rincón elixido. O parque infantil de Salgueiriños.