Javier Pérez Carrasco: «O móbil non lle vale ao alumnado para paliar sentimentos de soidade»

O profesor de Filosofía no IES Lamas de Abade participa no curso sobre uso de tecnoloxías


SaNtIaGO / LA VOZ

«Para os adolescentes o teléfono móbil é un modo de obter información; porén, non mellora as outras capacidades cognitivas, nin a memorización, nin a comprensión ou a expresión lingüística, nin a atención. Por iso funciona en realidade como instrumento de desinformación; pois o exceso de información, se non se manexa ben, prexudica a competencia cognitiva. E non o ven como unha ferramenta para estudar, pois no noso centro as entradas que fan a aulas dixitais e a outros materiais que se ofrecen son absolutamente irrelevantes», afirma Javier Pérez, profesor de Filosofía do IES Lamas de Abade e autor de libros sobre esta disciplina. Coordina a semana cultural do centro, que se celebra co lema Oportunidade ou problema? O móbil, e onde especialistas de varias materias discuten con pais, nais e estudantes sobre os usos das tecnoloxías.

«Filosofía e tecnoloxía é un tema que vén de vello, xa Aristóteles se ocupa da cuestión. A min, como profesor, sempre me asombrou a relevancia e a prioridade das tecnoloxías para o alumnado; que se conecten a elas moitas horas ao día, como sinalan diversos estudos. Iso interfire moito na vida dun centro de ensino», acrecenta Javier.

Foi por iso que os últimos anos dedica esforzos a este asunto: «É fácil verificar como se pasa do móbil a redes sociais, e a conexión desas redes cos poderes empresarial e político. Deparei con reflexións bastante fortes, a maioría achegas parciais, en especial de tecnólogos, economistas e historiadores», di.

Javier pensou «no interese de aproveitar a materia de Filosofía para unha abordaxe integral, que o alumnado contemplase todos os aspectos relevantes». Así, no curso pasado traballou con estudantes de primeiro de bacharelato: «Vimos que o móbil afecta as tres dimensións constitutivas da experiencia humana: a cognitiva, a condutual e a emotiva. Afecta tamén a todos os subsistemas sociais: a política, economía, sociedade e cultura. E para facer unha achega solvente hai que ter sempre en conta iso».

Este curso continúa: «Na aula de cuarto da ESO acordamos desenvolver esa achega teórica do curso anterior. E promovemos o IIGT: Instituto de Investigación de Gadgets Tecnolóxicos, coa idea de facer investigación educativa. Reflexionamos sobre o uso do móbil; e elaboramos un cuestionario para estudar o tema, con preguntas, por un lado, sobre como adquiren, usan e se desfán do móbil; e 33 máis sobre como perciben que lles afecta ás súas competencias».

Pasaron o cuestionario no colexio La Salle e nos institutos de Pontepedriña, Cacheiras e Lamas de Abade: «Temos unhas mil respostas de alumnado de bacharelato e secundaria. Por agora analizamos só os resultados no noso centro, para presentar nesta semana cultural; son 187 respostas de 190 estudantes, pois hai 3 que, con idades de 12 a 14 anos, non posúen móbil; todos os restantes si que o teñen».

Entre as conclusións máis salientábeis cita que «o 93 % din empregar o móbil para WhatsApp, que para o 51 % é o uso prioritario. Só un depositou o móbil nun punto de recollida cando se desfixo del; uns poucos venderon o terminal; e o resto, a gran maioría, responden que o teñen gardado, polo que as casas son cemiterios de celulares; o problema para a reciclaxe aumentaría se a xente se desfixese deles». No entanto, o que máis o sorprendeu foi que «o noso alumnado non fai amizades nin se ve menos só co teléfono móbil; por máis que chatean constantemente, din que non lles vale para paliar sentimentos de soidade. As conclusións deste traballo son moi interesantes», salienta.

Docente. Javier Pérez é docente de Filosofía hai 32 anos no ensino público. Exerce no IES Lamas de Abade.

O IIGT. Este curso promove o Instituto de Investigación de Gadgets Tecnolóxicos (IIGT), con alumnado da ESO. Terá continuidade con máis colegas e estudantes.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Javier Pérez Carrasco: «O móbil non lle vale ao alumnado para paliar sentimentos de soidade»