Roberto Sobrado: «O novo disco ten un son moito máis roqueiro que o do noso último traballo»

javier moro

SANTIAGO

cedida

A banda liderada polo carballiñés presenta «Proletarios do rock ?n? roll» mañá no Dado Dadá

13 abr 2018 . Actualizado a las 10:45 h.

Sábado 14 • 21.30 horas • Dado Dadá • 5 euros (10 con disco) • O carballiñés Roberto Sobrado presenta co seu grupo o novo traballo. Os que desexen coñecer os temas do disco Proletarios do rock ‘n’ roll teñen mañá unha cita no Dado Dadá. Volve Roberto Sobrado grupo cunha renovada sección rítmica, onde o saxo e a voz cobran máis protagonismo ca nunca, e cunha formación con Sobrado (telecaster e voz), Germán da Ponte (saxo), Euxenio (batería e coros) e Nuno Pico (baixo eléctrico e coros). Máis de dúas décadas de carreira e cinco discos, seis con este, avalan a traxectoria deste músico afincado en Compostela.

-Con que se vai atopar a xente neste «Proletarios do rock ‘n’ roll»?

-O título do disco define perfectamente o que está aí e co que se vai atopar quen o escoite, ou quen veña á presentación; é un son moito máis rock que no último traballo, que era máis interior. É un rock bluseiro. Para ilustralo: nalgunha ocasión nos teñen alcumado, por comparación, como o Bruce Springsteen galego.

-Iso é moito?

-Explícome. Bruce Springsteen é unha persoa que pode coller a súa guitarra e pode facer un disco como Nebraska, porque no fondo é como un cantautor que está apoiado por unha banda na que arranxan os temas entre todos e conseguen daquela o son máis roqueiro. Coas raíces na súa tradición do folk, o blues e o rock. Ese é o son que nos gusta a nós, o do telecaster. E quen escoite Proletarios do rock ‘n’ roll non vai atopar que soe a Springsteen, pero ten algo de rock, de blues... hai que escoitalo.

-Vostede sempre coidou de maneira especial as letras.

-Aí está todo o que nos preocupa, o que nos molesta, o que nos emociona e o que vivimos. O título do traballo é transparente: nós somos deses grupos que están tamén acostumados a ensaiar nos garaxes, a cargar a furgoneta cos amplificadores e a ir tocar onde vemos que hai ganas de escoitarnos para levar un pouco de emoción, transcendencia e protesta. O dereito ao «pataleo» creo que é algo moi propio e que hai que ter sempre presente; sexas cantautor, roqueiro, «hip-hopeiro» ou o que sexa.

-Pensar distinto senta mal?

-Si. Mais os cantautores nunca deixamos de estar aí. Entendendo por cantautor o modelo actual, que non é ese que lle canta «a la luna, las estrellas y a tus ojos sin par». Alguén que fai hoxe hip hop, rap ou rock é máis cantautor que ese esquema retrógrado.

-Presentación hoxe en Santiago. E despois?

-Levo moito tempo en Santiago, son picheleiro de adopción, e os membros do grupo son de aquí. No Carballiño presentamos en maio, aínda que non teño pechada a data.