A esencia de Valle-Inclán cen anos despois

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

O CDG estrea o xoves no Salón Teatro unha proposta «arriscada e valente» da obra «Divinas palabras»

11 abr 2018 . Actualizado a las 04:55 h.

«Proposta arriscada e valente». Deste xeito definiu a directora do Centro Dramático Galego (CDG), Fefa Noia, Divinas palabras revolution, a nova produción da compañía pública que se estreará mañá xoves no Salón Teatro. Un espectáculo no que a obra de Valle-Inclán pasa polo túnel do tempo para recorrer case cen anos e situarse no século XXI da man dos integrantes de Chévere, que estiveron ao fronte deste proxecto. «A diferenza doutras representacións, nesta posta en escena non hai certo aire de folclorismo», explicou Noia, que fixo fincapé na lectura «sen concesións» que se fai de Valle-Inclán.

O obxectivo que se marcou Chévere con esta versión na que a aldea se converte nun reality foi facer «un espectáculo para que o público se sentise tocado por unha obra de cen anos», asegurou Xesús Ron, o director artístico da proposta durante a presentación, na que tamén participaron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director da Agadic, Jacobo Sutil; e membros do elenco artístico. «O que nos gustaría é que o público saíra da obra despois de dúas horas con ganas de ler Divinas palabras e que volvan ao teatro», engadiu.

«Búscase a complicidade co espectador», afirmou Jacobo Sutil, mentres que Anxo Lorenzo lembrou que a obra chega ao Salón Teatro 34 anos despois do primeiro intento de representala en galego pola compañía pública.

A obra mostrará, ademais, outro xeito de abordar a Valle-Inclán, despois das lecturas de Marta Pazos tamén co CDG ou a de Quico Cadaval. A traxicomedia representarase de xoves a domingo ata o 29 de abril no Salón Teatro. A partir de aí iniciará unha xira.