Ses: «Gustaríame ter composto 'Ojalá' de Silvio Rodríguez pero tamén 'Eva María se fue'»

SANTIAGO

MONICA IRAGO

Fala como vive e canta. Ao galope. A gran revolucionaria da música galega estará a próxima semana en Santiago

06 abr 2018 . Actualizado a las 04:55 h.

Día 14 de abril • 21 horas • Auditorio de Galicia • 18 euros máis gastos de xestiónO caso é parala. Enriba dun escenario ou do outro lado do teléfono Ses é incontible. Brava e irritable por momentos, sensible e conciliadora noutros. Impulsiva sempre. E atinada na meirande parte das veces. Como cando decidiu regravar e reeditar o seu primeiro disco para darlle o porte e a dignidade que lle corresponde.

-Non coñezo ningún caso que algo así se teña feito despois de só sete anos da primeira edición.

-Hai xente que ten á música como medio e xente que a ten como fin. Eu son das segundas. Polo tanto en canto tiven oportunidade fíxenlle xustiza a estas cancións. Polo público e por min mesma.

-Non te preocupou que te afastara un pouco da liña que levaban os teus últimos discos?

-Non, non teño medo de nada diso. Medo téñolle a estar enferma. Pero a nivel artístico hai algo que está por enriba dos xéneros que é a personalidade. Iso é o que lle dá unidade á miña obra.

-Ou sexa que o seguinte disco, nin idea de por onde irá...

-Xa estou nel. Eu sempre estou no seguinte. Pero non penso nunca por onde tirar. Non deseño os discos. Guíome polos momentos e polos impulsos. Son moi visceral. Canto o que me apetece e o que penso que vai conformar unha obra amena. Sobre todo para min. Se me aburre a min, como lle vai gustar aos demais? A xente pregúntame «Ses, ti como fas para saber o que lle gusta á xente?». Coño, pois porque eu tamén son xente.

-Estase a perder o sentido lúdico da música?

-Si, e é algo que non soporto. Parece que se puxo de moda que para algo sexa bo ten que ser aburrido. Ese rollo rimbombante que se ve moito no indie, ¿sabes? Eu penso que incluso dentro das cousas máis lúdicas ou vacilonas pode haber moita calidade. Sempre digo que a min me gustaría moitísimo ter composto Ojalá de Silvio pero tamén Eva María se fue. Son temazos. Cada un para o seu.

-Que ten Lationoamérica que tanto te seduce?

-Con Latinoamérica únenme moitas cousas. É a miña principal influencia musical. E ademais os galegos compartimos con eles unha historia de opresión, colonización, roubo e autodio.

-No eido musical as mulleres latinoamericanas están supondo unha auténtica revolución.

-É que esa historia de opresión é especialmente aguda no caso das mulleres, que foron maltratadas, escravizadas e violadas, figurada e literalmente. A muller, por desgraza, aínda non está liberada. Estamos hoxe nunha situación que xa debería estar superada. De aí que xurda a necesidade dese discurso reivindicativo que tan ben está manifestando moitas mulleres.

-Tamén en Galicia están xurdindo moitas voces femininas.

-Non sei. Non son unha persoa que repare nas cuantías. Interésame máis o cualitativo.

-Dis en «Readmirando a condición» que «hai moito cantante que engorda coa ignorancia dos presentes».

-Claro, moitísimo. Ao mellor tamén o son eu, vai ti saber. Tampouco me vou a poñer eu agora aquí divina. Pero si, realmente hai unha porcentaxe alarmante de cancións que realmente non o son. Unha música pegada a unha letra non ten por que necesariamente ser unha canción. Son trampantojos como di miña irmá, que ve Masterchef (rise).

-«Viva a felicidade de rir por non chorar», que tamén dis.

-É que esto es lo más. A min que me compren un paquete de palomitas grande que me sento a ver a película. Despois pregúntame a xente, de onde sacas a inspiración? Non, de onde non a sacan os demais? En que planeta viven? Porque eu levántome e póñome de mala hostia cada cinco minutos. Xa non che digo nada se acendo o Telexornal.

-Actúa desta volta en auditorios. Gústanche eses espazos coa xente sentada e certa solemnidade?

-Si, molánme os teatros. Eu son de festivais pero para tocar gústame máis os teatros. En calquera caso, vaia a onde vaia, sexa o sitio máis pequeno ou máis grande, sempre vou coa mesma actitude, a de ir a matar.