A biblioteca Ánxel Casal celebra o décimo aniversario chegando aos 40.000 socios

La Voz

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

A biblioteca estreará en abril un programa de préstamo de tabletas, que comeza con 11 dispositivos

27 mar 2018 . Actualizado a las 04:50 h.

Os case 6.000 metros cadrados da biblioteca Ánxel Casal gardan preto de 158.000 exemplares, a maioría monografías, pero tamén música, documentos dixitais, mapas e videoxogos, entre outros. O ano pasado, ese amplísimo fondo foi prestado en 162.692 ocasións, case seis mil préstamos máis que no 2016. 84.814 deses préstamos foron realizados a través das máquinas de autopréstamo que permiten ser autónomos aos usuarios.

El laberinto de los espíritus, de Carlos Ruiz Zafón; Patria, de Fernando Aramburu, e Todo esto te daré, de Dolores Redondo, foron os libros máis prestados o ano pasado en castelán. A escolma de artigos de Carlos Casares Á marxe, A dúbida, de María Reimóndez, e De remate, de Héctor Cajaraville son os máis lidos en galego. En infantil, triunfaron Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz, a serie de Leo con Bubela e Os dous de sempre de Castelao, así como as series de Naruto e Dragon Ball, cunha diferenza grandísima con respecto ao resto de libros. En terceiro lugar quedou a serie de libros do Diario de Greg.

Son os grandes datos do 2017 da biblioteca Ánxel Casal, que está a piques de facer dez anos. E faino chegando aos 40.000 socios e cunha media de mil visitas ao día. Dous de cada cinco composteláns teñen o carné da biblioteca bautizada co nome do alcalde e editor asasinado polo réxime franquista. Un nome que, segundo o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, foi un acerto para bautizar a biblioteca que dirixe Jesús Torres, que foi o encargado de facer balance durante a presentación dos actos de celebración do décimo aniversario, que terán lugar o vindeiro 5 de abril. Unha festa que comezará a mediodía cunha visita guiada extraordinaria e que seguirá ás 18 horas, cun acto institucional conducido por Paula Carballeira que rematará coa entrega dun agasallo ao usuario número 40.000, un contacontos e o espectáculo musical As aventuras de Mamá Cabra.

A presentación dos actos serviu para botar a vista atrás, pero tamén para poñer os ollos no futuro. A biblioteca xa ten en marcha novos proxectos, como o servizo de préstamo de tabletas electrónicas que previsiblemente comezará en abril e que se iniciará con once dispositivos electrónicos que os usuarios poderán empregar na biblioteca. As tabletas tamén servirán para outro servizo que se poñerá en marcha na Ánxel Casal, a hemeroteca virtual, que se poderá consultar a través dos dispositivos que se instalarán na hemeroteca da biblioteca compostelá.

Tamén está previsto que este mesmo ano se publique a Compostelapedia, unha enciclopedia virtual e colaborativa que é «unha aposta polo local» a través de fichas que recollen as institucións, os personaxes históricos e os persoeiros de Compostela, a súa arte e a súa historia e que xa conta cunhas 200 entradas.