«O benestar depende da alimentación, o descanso e ter unha vida saudable» 

JOEL GÓMEZ SANTIAG0 / LA VOZ

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

Participou no décimo ciclo de envellecemento activo do centro de saúde de Vite

23 mar 2018 . Actualizado a las 14:04 h.

Ter coñecementos dos alimentos e do seu adecuado consumo é básico para unha boa educación sanitaria «porque unha importante porcentaxe das patoloxías da nosa sociedade teñen como causa unha mala nutrición. E é moi difícil mudar os hábitos adquiridos por unha persoa, nos que inflúe moito a publicidade e outras informacións exteriores. Por iso sería interesante que, por exemplo nos espazos gastronómicos dos medios de comunicación, se aproveitase para insistir en dietas saudables», afirma Jesús Baleato. Alén de ser un nome coñecido do deporte, exerce como enfermeiro en Vite, e participa hai anos no ciclo de envellecemento activo promovido polo centro de saúde deste barrio, onde nesta edición falou sobre «Alimentación san en adultos maiores».

Baleato, que ten sido relator sobre alimentación noutros foros especializados, resalta que «sempre insisto na importancia dunha alimentación saudable, baseada en produtos de calidade, distribuída durante o día a poder ser en cinco tomas, para repartir as calorías; ou senón en tres comidas principais, pola mañá, o xantar e a cea. Nas persoas de idades máis avanzadas incido moito na calidade das proteínas, pola súa función para manter unha boa saúde do organismo».

Sinala que «o benestar depende da alimentación, o descanso e de ter unha vida saudable e con actividade moderada. Hai que comer con gusto, de maneira saudable e alimentos variados, naturais e ricos en nutrientes, excepto quen teña prohibido algún por algunha patoloxía».

No caso das persoas de idades máis avanzadas «moitas veces o seu tubo dixestivo está condicionado pola medicación ou por problemas de saúde dixestivos; por iso deben escoller alimentos con facilidade para os dixerir e que acheguen os nutrientes que se necesitan. Por exemplo, non deberían faltar as proteínas procedentes do peixe e da carne; limitar as graxas, en especial as que fan dano ao organismo porque elevan o colesterol».

Ao ser preguntado sobre como é a alimentación das persoas que acoden ao centro de saúde de Vite afirma que «como a dos restantes centros de saúde. Cando se lle recomenda a alguén que mude os hábitos, sabemos que é moi difícil, tanto do que debe comer, como das cantidades e tamén da elaboración. Insistimos na importancia de ter un organismo san, sen toxicidade e con patoloxías ben controladas para favorecer unha boa absorción dos alimentos, hai que ter todo en conta. E reitero a importancia de comer con gusto e de maneira saudable», defende.

Pola súa relación co mundo do deporte, e con persoas máis novas, ao ser preguntado se hai diferenzas entre ambos colectivos, responde: «Non cabe dúbida que si as hai. Aínda que diversas pautas de dieta saudable son válidas para todas as persoas, independentemente da idade e da actividade ou da función que teñan», manifesta.

Nas idades máis avanzadas, acrecenta, «as proteínas son absorbidas con máis dificultade, por iso debemos procurar que sexan de calidade e que acheguen a enerxía que precisa o organismo desas persoas». No caso das persoas máis novas «deben favorecer un crecemento e desenvolvemento axeitados, e a reparación dos tecidos, pois tamén precisan especial atención neste ámbito».

O programa de envellecemento activo e saudable é unha iniciativa pioneira do centro de saúde de Vite, que celebra xa a décima edición. Insiste nos aspectos principais para gañar benestar a partir dos 55 anos, e presta atención ás persoas que se dedican a coidar a outras, para que non esquezan a súa propia saúde. Busca que todas conserven a súa autonomía e previr doenzas.

Jesús Baleato. É enfermeiro no centro de saúde de Vite e moi coñecido tamén pola súa actividade en clubs de fútbol como o Compostela, Vista Alegre, Dubra e outros.

Envellecemento. O centro de saúde de Vite celebra a décima edición dun programa pioneiro para envellecer con benestar.