Nuria Díaz: «A escola non é o factor que máis inflúe para que os nenos falen galego»
SANTIAGO
Esta mestra de infantil estudou os motivos que levan aos alumnos a decantarse polo castelán
09 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.A Real Academia Galega alertaba fai pouco, nunha investigación levada a cabo polo seu seminario de Sociolingüística, dunha «ruptura da transmisión interxeracional e uns usos decrecentes do galego por parte da poboación máis nova, especialmente en contextos urbanos e periurbanos». Aínda que por outra banda sinalaba que as competencias bilingües da poboación teñen mellorado entre 1992 e 2016, anos nos que se realizou o estudo a través de enquisas. E foi a través de enquisas tamén como Nuria Díaz, monfortina residente en Santiago, chegou á conclusión de que o galego está cada vez máis nas marxes.
«Aínda que a lingua do profesorado non é determinante á hora de que un neno empregue ese idioma no seu día a día, si o é para que adopten unha boa actitude ante o idioma», explica esta profesora que estudou Maxisterio Infantil en Ourense. «Eu sempre fun galegofalante na casa pero cando chegaba á escola falaba castelán. E non era porque sentise que fora un idioma inferior ou tivera vergoña, pero si notaba presión ao darme conta de que todos falaban en castelán», lembra.
Nuria, que agora prepara as oposicións, levou a cabo unha investigación para coñecer que factores determinan nos máis pequenos o idioma que empregan como materno. «A idea xurdiu a partires dunha situación que vin nun colexio no que unha mestra daba clases aos alumnos en galego e outra, do mesmo curso, en castelán. Non puiden evitar preguntarme que pasaría con eses nenos no futuro e se afectaba ao seu desenvolvemento empregar unha lingua ou outra», sinala.
O seu traballo, realizado ao longo dun ano, dividiuse en dúas partes. Nunha primeira fase realizou unhas enquisas aos pais de 94 alumnos de dous centros escolares situados na zona urbana de Ourense. «Serviume para conseguir información sobre cal era a lingua habitual dos seus fillos e en que idioma lles falaban na casa, lles lían os contos ou vían os debuxos animados. Unha vez que obtiven os datos desas enquisas, centreime en dez alumnos para facer unha investigación en maior profundidade», comenta sobre o traballo.
Na segunda fase escolleu a dez de eses 94 nenos para facerlles entrevistas. Cinco deles tiñan unha mestra que lles daba clases en castelán e os outros cinco aprendían en galego. «A entrevista fíxena a principio e a final de curso, coas mesmas probas e preguntas. Nun primeiro momento analicei en que idioma se dirixían a min e a segunda proba consistía en nomear unhas imaxes que teñen distintos substantivos para galego e para castelán», puntualiza.
Dentro dos dez alumnos escollidos das dúas aulas, nas que se impartía docencia en diferente idioma, había nenos galegofalantes e nenos castelanfalantes. «O alumno que falaba en galego coa mestra que explicaba en galego aínda así perdeu o idioma ao final do curso e falaba en castelán», subliña a autora da investigación con certo pesar.
«O alumno galegofalante cuxa mestra explicaba en castelán abandonaba totalmente a súa lingua materna e mostraba unha especie de rexeitamento cara a mesma. E con rexeitamento refírome a que moitas veces non recoñecía a lingua na que ao principio do curso desenvolvíase á perfección», destaca sobre os resultados que obtivo. Por outra banda, aqueles cativos que empregaban o castelán non viron minguadas as súas capacidades para expresarse no idioma maioritario aínda naqueles casos nos que a súa mestra falaba en galego, tal como amosan os resultados que obtivo.
Cos datos nas mans, Nuria sacou varias conclusións: «A promoción da lingua galega segue a ser unha labor moi complicada entre o alumnado en idade infantil e a falta de medios en galego é un factor que xoga moi en contra dos pequenos. Hai moitas nais que mantiñan que os dispositivos móbiles, os contos ou os debuxos están, na súa maioría, en castelán e hai moita máis variedade para sentar unhas boas bases en castelán. E por outra banda, a escola non é o factor que máis inflúe neles porque están moi expostos á televisión e aos dispositivos dixitais cuxa influencia é inmensa. Ademais, prefiren falar a lingua que falan os seus iguais que a que falan os mestres».
Protagonista. Nuria Díaz naceu en Monforte en 1993 e reside en Santiago. É mestra e prepara oposicións.
A investigación. Realizou enquisas a pais e nais, e alumnos, de dous colexios de Ourense.