Tito Asorey: «?Resaca? homenaxea aos nosos pais e avós»

La Voz

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

IlMaquinario Teatro ofrecerá dúas funcións no Principal do seu último espectáculo, que opta a dez galardóns María Casares

28 feb 2018 . Actualizado a las 04:55 h.

Venres e sábado • 20.30 horas • Teatro Principal • 12 euros (Posibles descontos) • A peza con máis candidaturas nesta edición dos Premios María Casares, Resaca, de IlMaquinario Teatro e dirixida por Tito Asorey, poderá verse os días 2 e o 3 de marzo no Teatro Principal.

-Santiago foi a primeira parada tras a estrea do espectáculo coa participación en Escenas do Cambio e agora, un ano despois, regresan e con dez candidaturas aos María Casares baixo o brazo. ¿Agardábano?

-Non. Fixémolo con toda a paixón, pero non o agardabamos. Despois da estrea, ademais, recibiramos a noticia de que iamos a París con ela, o que foi unha ilusión tremenda. Despois, a xira en Galicia foi moi ben. É unha peza que conecta moi ben co público. Nós falamos das nosas familias, porque é unha peza que se crea a partir de vivencias propias, pero puidemos ver como esas historias persoais se converten en moi universais e conectan tanto en Galicia como fóra. Tamén estivemos en Castellón, en Madrid e no País Vasco; estamos tendo a oportunidade de que se vexa o traballo e estas candidaturas foron unha sorpresa. Ademais, estamos moi contentos porque está nomeado todo o equipo que podía estalo. É algo moi global.

-Na peza falan de cinco amigos que se xuntan para reconstruír a súa propia memoria. ¿Agora esquecémonos moi pronto do pasado?

-Trátase dunha peza de reacción contra esa desmemoria, ese vertixe cotiá que nos impulsa, toda esa información.... Resaca é como unha cerimonia de despedida cara a alguén, cara á persoa que desaparece, tratando de non irmos cara á seguinte cousa de maneira automática, senón de que nos paremos un pouco. Tamén procuramos facer unha obra sobre esa cerimonia de despedida.

-Santiago foi a primeira parada tras a estrea, ¿o público que asista agora despois dun ano atopará unha «Resaca» diferente?

-Pódese repetir. Hai cousas que cambiaron neste ano, como cancións. Ao ser unha peza de creación propia, está moi viva.

-¿Quédalle moito recorrido a «Resaca» ou xa están pensando noutro espectáculo?

-Quédalle moito. É o noso obxectivo. Aínda estamos facendo funcións de Perplexo, que é unha obra que estreamos no 2014. IlMaquinario trata de que os seus espectáculos teñan longo recorrido. A nosa intención é estar todo o ano.

-¿Aínda non hai relevo á vista?

-Non, este ano non produciremos un espectáculo novo, e seguiremos cos dous espectáculos.

-¿Cando estaban coa montaxe pensaban en saír fóra?

-Foi unha sorpresa. Era a primeira vez que nos enfrontabamos a unha obra de creación colectiva, de falar do noso, porque as dúas anteriores eran obras dun autor inglés e outro alemán. Esta vez apostamos contar algo dende nós, moi conectada co noso país...; falamos moitos dos nosos pais e os nosos avós, aos que homenaxeamos. A partir de aí, conseguimos abrir un mercado.