«Fago unha homenaxe ás mulleres que cosían na súa casa e facían roupa»

Elisa Álvarez González
elisa Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

A sede do Colexio de Psicoloxía acolle a mostra de Encarna Álvarez ata o próximo 15 de abril

24 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando súa nai morreu, Encarna Álvarez gardou aqueles retallos que ela deixara de facer arranxos en pantalóns, camisas e outras prendas. Vinte anos despois presenta unha exposición, na que combina estas teas para render unha homenaxe a todas esas mulleres que cosían na súa casa para axudar na economía familiar sen seren modistas profesionais.

-¿Por que «Puntadas anónimas» para chamar a esta mostra?

-Quixen facer un guiño, unha mención. Con esta exposición quero facer unha dedicatoria, unha homenaxe, ás mulleres que cosían pero non eran costureiras de profesión, modistas, senón aquelas que cosen ou cosían nos anos 60, 70 ou 80. Facíano na casa, o pantalón, a camisa ou os arranxos dos vestidos. Era unha maneira de achegar ese recurso porque os fondos eran escasos, e a roupa era un ben moi, moi prezado. Agora non o é, agora cómprase, nas rebaixas cómprase aínda máis e mércase un pantalón que está roto só porque se leva. Non se lle dá esa importancia que se lle daba antes á roupa.

-¿Durante canto tempo gardou os retallos que deixaba súa nai?

-Miña nai, se arranxaba uns baixos, gardaba o retallo, se unha camisa se estragaba quitaba todas as pezas para poder facer outra cousa que se lle ocorrera, e non tiraba os restos. Son teas usadas, que teñen unha vida anterior, e cando faleceu, hai xa vinte anos, gardei todo iso.

-¿Desde hai vinte anos?

-Si, porque me recordaba o que ela facía e ademais era algo que lle gustaba moito. Coser era a parte de máis ocio, a máis lúdica dos seus labores. De feito cosíase pola tarde, cando xa pola mañá estaban feitos todos os quefaceres: comidas, lavadora. Pola mañá era impensable poñerse a coser, ela tíñao gardado todo, e dentro das cousas que retiras cando alguén falece hai algunhas que gardas e iso foi quedando. Despois eu fun evolucionando na miña pintura cara a outras maneiras que non son o óleo, por exemplo, e fun utilizando outro tipo de materiais para achegar texturas ás cores. Fun incorporando a influencia doutros autores que me gustaban moito e fun collendo as súas referencias. Foi nese momento preciso cando me decidín a empezar a sacar os retallos e a coser todo iso. En principio nin sequera o tiña pensado. A conclusión á que agora chego, de facer unha homenaxe, que ninguén pense que a tiña prevista de antes, para nada, eu penso que un fai o que fai, ou pinta o que pinta, e despois é cando te paras a pensar, ¿por que fago isto? É polo menos o que fago eu.

-¿Cantas obras son?

-Facer fixen moitas, podo ter unhas corenta, pero aquí expoño só quince.

-¿Mestura as teas con outras técnicas?

-Algunhas veces non, son só teas con fíos, unha costura que enlaza e agrupa as teas e punto. Pero noutras obras si, hai materiais diferentes como o papel escrito, cintas, e mesmo teño cadros con óleo tamén, mesturado ou con acrílicos. A idea é dar outro significado ás teas. Sobre todo gústanme as que están usadas, non as novas, senón as que están utilizadas e teñen unha vida previa.

-¿Custou escoller as teas?

-Eu non sei que fai outra xente cando pinta, eu nunca penso nada cando o fago. No meu caso non é nada racional, aínda que agora sexa difícil transmitilo en palabras. Empezas, constrúes e ves o final, e despois, cando xa teño o final, ao mellor é cando me dá por pensar por que o fixen. É coma un exercicio, igual como son psicóloga ten algo que ver, e penso por que fixen o que fixen, pero igual pasou un ano. Paréceme bonita a parte de reconstrución de por que fas o que fas, pero non hai esa intención primeira.

A protagonista. Encarna Álvarez é psicóloga e expón unha mostra de pintura na sede do Colexio de Psicoloxía de Santiago.

O traballo. Leva pintando desde os 13 anos e ao longo deste tempo foi incorporando distintas influencias nos seus traballos.