«A pobreza dentro da cidade hai que ir buscala, non é fácil vela»

xosé m. cambeiro SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Paco Rodríguez

Cuestiona o proxecto da intermodal como unha oportunidad perdida para Compostela

24 ene 2018 . Actualizado a las 11:57 h.

Paco Reyes é un político analítico, como economista que é, moi lúcido e traballador nato. Na política interveñen outros factores que dan ou quitan, pero ao falar con el un parece notarlle intacta a ilusión do primeiro día.

-Como cre que actuou na oposición?

-Nós temos moi claro que un dos encargos é a fiscalización da acción do goberno, pero dende o primeiro momento quixemos ser moi propositivos. Estamos moi convencidos do proxecto que o PSdeG-PSOE ten para Compostela e do noso programa. Temos que ser moi fieis ao contrato noso coa cidadanía e aproveitarmos todas as oportunidades para incorporar o noso proxecto dentro de acción de goberno. Por cada crítica que lle fagamos ao goberno, propoñeremos unha solución.

-Moita xente considérao un político intelixente e tenaz.

-Temos que estar aquí traballando na posición na que te ubican os cidadáns, independentemente das túas expectativas. O compromiso de traballar pola cidadanía está por enriba de todo. Se traballas ben, tarde ou cedo vas atopar unha resposta a ese traballo. E a xente vai mirar para o PSOE nas eleccións do 2019.

-Apropiouse Compostela Aberta da súa política, como vostede suxire?

-Non é a expresión máis axeitada. Compostela Aberta tivo un relato moi bo na campaña electoral. Outra cousa é ter un proxecto de cidade. O que quixen dicir é que nas mesas de traballo dos orzamentos CA asumiu 36 propostas nosas. É non é tanto polo peso negociador do voceiro socialista, senón polo proxecto de cidade do PSOE. Foi renderse diante del. Porén, unha cousa é incorporar ideas e outra estruturalas na acción de goberno,

-Todos contra un no tema de execución dos orzamentos.

-Ese é outro dos problemas de Compostela Aberta, que non lle acaba de coller o pulso á actividade administrativa. Os investimentos son moi importantes para Santiago, pero chámame a atención que na asistencia social primaria, a setembro del 2017, non se chegara ao 20 % de execución, con 4.000 persoas en extrema pobreza e 17.000 en estado de exclusión. Con 542 atendidas, queda unha barbaridade de xente á que hai que achegarse. A pobreza na cidade hai que ir buscala, non é fácil vela. E hai que avogar por un concerto social para as prestacións onde o Concello marque as liñas.

-Mellorará a execución dos investimentos?

-Pensando na cidade, creo que si. Se lle vai peor ao goberno, vaille mal á cidade, a nós e a todos. Sen embargo, propuxemos, e recolleuse, un programa bucodental no 2016 que non se puxo aínda en marcha. Iso me fai recear da capacidade de xestión de Compostela Aberta.

-Aludiu á intermodal, un dos seus cabalos de batalla.

-Fixemos cabalo de batalla porque é a gran obra pendente da cidade, xunto coa de mercadorías, para os próximos setenta anos. O traballo do PSOE orientouse a que Santiago fora o centro de comunicacións de Galicia, importante para darlle un gran salto á cidade. Bugallo púxolle un límite máximo ao aproveitamento urbanístico requirido polo ADIF para facer a estación. Pedíase intermodalidade e un proxecto de cidade. Agustín Hernández acabou firmando un ascensor e a ampliación do vestíbulo. Logo, elementos engadidos como que algún día se faga algo na vella estación e pagar un terzo de pasarela. O que representa o cinismo do Partido Popular é que puideron apostar polo proxecto dous, o de Moneo. Pero non apostaron pola intermodal. Dixeron que non había diñeiro, pero si para Vigo e Ourense. Enganouse á cidadanía. A miña sorpresa foi que CA creu ao PP e abrazou o proxecto, que é unha cutrez, unha oportunidade perdida para a cidade.

«Pensando na cidade, creo que mellorará a execución dos investimentos»

paco reyes

«Sospeito que o anteproxecto da depuradora era sobreoptimista»

Conseguir que a depuradora chegue a converterse nun proxecto para Santiago é una operación cada vez máis complicada.

-Mal camiño o da depuradora.

-Coa EDAR estamos na mesma historia da intermodal. O PP toma unha decisión, rexeita Silvouta e opta por O Souto. Hernández dixo que ía estar nun ano e non está nin se lle espera. Imos perder os fondos comunitarios prorrogados e pagar a depuradora os composteláns durante varios anos. Non coñecemos o proxecto, que se está reformando, e eu sospeito que o anteproxecto ambiental era cando menos sobreoptimista. O que pode pasar é que se demostre que non se pode desenvolver no Souto. O problema é ¿que facemos coa depuradora? É un proxecto imprescindible para Santiago.

-Di que fallan as relacións institucionais.

-Con Estévez e Bugallo houbo unhas relacións moi boas cos gobernos populares. Santiago, como capital, debe manter unhas cordiais relacións institucionais coas administracións. Non é so demandar, tamén é sentarse e negociar. É unha asignatura pendente do goberno local. A estas alturas non se reuniu o Real Patronato e non está aprobado o plan Compostela para este Xacobeo.

-Considera importante esa reunión do Patronato?

-Moi importante e esencial para Santiago, porque doutra maneira a cidade leva camiño de perder oito anos. E iso é moi difícil de recuperar e remontar.

-Representa un lastre facer oposición cun concelleiro menos.

-Non mudamos a nosa maneira de traballar nin o compromiso co noso programa. Votamos o que coincida co programa e iso fixémolo con todos os grupos. Tamén nos quedamos sós, como no tema do intercambiador. Ese non é o problema. É un luxo traballar con Muíños e Mila Castro, multiplicámonos e non notamos a falta dunha persoa que vulnera a representación de dous mil veciños que votaron PSOE. Outra cousa é a imaxe do partido. Hai unha lagoa legal evidente.

-Cantas municipalizacións, unha ou ningunha?

-CA tiña que facer unha auditoría para avaliar as concesionarias e a partir daí plantexar que servizos se poden remunicipalizar e cales non. Logo habería que redactar boas memorias, non como a chapuza do guindastre, e ver se a lei permite facelas ou non tendo en conta o persoal. Houbo oportunidades de municipalización, por exemplo o Centro Xove, pero non se emprendeu ningunha.

«Xa teño tomada hai tempo a decisión sobre o meu futuro e sábeo quen debe sabelo»

Paco Reyes mantén o ritmo da oposición entre rumores de novos candidatos.

-Ten pensado ser candidato?

-Falta ano e medio. Hai ruxes-ruxes en todos os partidos, pero o que compre é seguir traballando de aquí a xuño do 2019. Hai que rematar o proceso orgánico e poñer as bases para as propostas.

-Non doe que desfilen nomes por diante dun?

-É normal. Nós temos o compromiso de fiscalizar a acción de goberno e seguir comunicando á poboación cal é o noso proxecto de cidade. Porque vai ser o proxecto do PSdeG, seguramente con matices. Eu teño un compromiso con Santiago e debo traballar arreo mentres o teña, non traballar por expectativas de candidatura. En todo caso, a miña decisión téñoa tomada hai bastante tempo e quen ten que sabela dentro do partido coñécea xa porque lla comuniquei. Entendo que publicamente a decisión que un poda tomar respecto ao proceso das candidaturas ten que seguir o calendario que marca a executiva galega e hai que cumprir disciplinadamente ese calendario.

-A teor da experiencia, é dura a vida municipal? Ingrata?

-Ingrata, non. Para min é unha honra. Son funcionario, economista do Servizo Galego da Saúde, por vocación de servizo público. A oportunidade de representar e servir aos teus veciños, e que os teus compañeiros che deran a confianza para encabezar nin máis nin menos que o proxecto do PSOE, constitúen unha honra. Isto da moito traballo, pero é o meu compromiso voluntario.

-Pese a que o resultado non foi bo...

-Foi malo, foi malo...

-...Véselle decote coa moral alta.

-Porque son convencido do sistema democrático, que me dixo que traballara na oposición, e porque me ilusiona prestar en Raxoi un servizo á cidade.