Antonio Hernández: «Defendemos os dereitos das persoas, non só o asistencialismo ou a caridade»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

«A crise aumentou a sensibilidade sobre as situacións de pobreza extrema», afirma o presidente da Rede Galega de Loita contra a Pobreza (EAPN Galicia)

21 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«En EAPN Galicia chamamos a atención das institucións sobre as persoas en situación de pobreza e exclusión», afirma Antonio Hernández, presidente desta organización. Teñen como obxectivo «incidir nas políticas sociais da comunidade e defender os dereitos dos colectivos en risco e a súa participación comunitaria plena», segundo salienta.

-¿Como é a situación da pobreza?

-Os datos oficiais sempre son un pouco mellores en Galicia que a media estatal. Hai que diferenciar o risco de pobreza por un lado, e a alta vulnerabilidade das persoas que están en situacións de privación material e pobreza máis severa.

-No ano 2015 indicaban que en Santiago había 18.000 persoas en risco, ¿como se explica iso?

-O risco de pobreza é sempre maior, era de algo máis do 25 % da poboación galega en 2015 e 2016, de aí ese dato de Santiago; eran máis de 600.000 persoas na comunidade galega, e case 13 millóns en España. O risco está moi relacionado co desemprego. Porque se unha persoa está en desemprego e pasa un tempo sen ingresos pode caer en situación de pobreza, ten ese risco.

-¿E a pobreza severa?

-É menor. O 4 % da poboación galega vive nesa situación, é unha cifra excesiva. Son persoas en situación de necesidade, con dificultades moi serias para sobrevivir. A crise provocou que subisen as cifras de pobreza severa e de risco de pobreza, que desde 2014 están baixando.

-¿Notan que baixan?

-Si que se nota unha melloría, aínda que houbo un pico moi elevado. Melloran os indicadores macro; outra cousa é que nas persoas, individualmente, esa mellora sexa máis difícil de medir.

-En Santiago o Concello di que está a detectar aínda máis casos de pobreza severa.

-Cando se fai un traballo intenso de diagnóstico e procura de situacións de exclusión, localmente é máis fácil dar con elas, porque se sabe onde buscar. Cada concello debe detectar e solucionar situacións concretas. O de Santiago fai un esforzo moi grande, por exemplo, para apoiar as persoas sen lar, que son talvez a cara máis visible da pobreza severa. Outras institucións tamén fan cousas. A crise tivo o efecto moi negativo de aumentar as persoas en situación e risco de pobreza; porén, tamén aumentou a sensibilidade sobre as situacións de pobreza extrema.

-¿Como actúan en EAPN?

-As 126 entidades da rede ofrecen moitos programas para mellorar a calidade de vida e a integración das persoas, e para evitar ou superar a pobreza. E reivindicamos maior financiamento para combater a pobreza; defendemos os dereitos das persoas, non só o asistencialismo ou a caridade; e reclamamos maior coordinación das administracións.

-¿Non están coordinadas?

-Coa crise, as administracións deseñaron diversas iniciativas para paliar as situacións de pobreza. Por veces hai risco de que presten o mesmo tipo de axuda, é precisa unha mellor integración e coordinación. Existe unha dispersión enorme das axudas, e iso contribúe a que as persoas se sintan perdidas. Tamén persiste un exceso de burocracia, que provoca moita confusión nas persoas que o necesitan e que supón un desperdicio de recursos públicos.

-¿Que solución ven para iso?

-Desde EAPN insistimos cada ano para que se avance nunha mellor coordinación e integración entre os diferentes departamentos e administracións. A última vez que o fixemos foi o 17 de outubro, día da pobreza, no Parlamento galego, que aprobou unha declaración institucional por unanimidade.

-¿Teñen en conta as institucións o traballo de EAPN Galicia?

-Penso que temos unha boa interlocución coas institucións, notamos que mellorou bastante.

Antonio Hernández. É director de Feafes-Galicia e en xuño do 2015 asumiu a presidencia de EAPN-Galicia.

EAPN Galicia. Ou Rede Galega contra a Pobreza e a Exclusión Social, fundada no ano 2008. Está integrada por 21 colectivos, aos que pertencen 126 asociacións e entidades.