A Casa-Museo de Rosalía de Castro tivo 20.000 visitas no 2017 3.000 máis que o ano anterior

La Voz PADRÓN / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

Tamén organizou actividades novas, como o Caldo de Gloria, aparte de incrementar o patrimonio da entidade

14 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Fundación Rosalía de Castro ven de pechar un ano 2017 «moi importante», no que mesmo medraron as visitas a Casa-Museo de A Matanza, que recibiu unhas 20.000 persoas, 3.000 máis que no ano 2016, seguindo así coa liña de crecemento continuado que iniciou no 2012.

A elo contribuíu, seguramente, a reinauguración da Casa-Museo de Rosalía, corenta e cinco anos despois da súa apertura, cunha museoloxía nova e adaptada aos novos tempos. No 2017, a Fundación Rosalía de Castro tamén recibiu dous premios: o Pedrón de Ouro e o da Cultura Galega. Ademais, organizou actividades novas, como o Caldo de Gloria, aparte de incrementar o patrimonio da entidade, neste caso con tres cadros de Ovidio, fillo de Rosalía de Castro, e un guecho do cabelo da autora.

Por outra banda, a mediados do mes de novembro pasado comezaron as obras de acondicionamento e reforma dos edificios anexos á Casa da Matanza, que teñen un orzamento de 120.000 euros e que están financiados pola Consellería de Cultura.

Así, a intervención que se está a realizar supón a rehabilitación xeral da envolvente completa dos edificios anexos na traseira da Casa Museo Rosalía: reacondicionamento da envolvente exterior (cubertas e carpinterías exteriores, canalóns e baixantes) do corpo de aseos, oficinas, arquivo, antiga casa Maruxa Villanueva e o edificio do auditorio; reforma da planta baixa da Casa Maruxa Villanueva, para acoller as novas oficinas da Fundación Rosalía de Castro; e a rehabilitación integral dos antigos aseos abandonados, como aseo accesible para persoas con mobilidade reducida.

Está previsto que os traballos queden finalizados antes do 24 de febreiro, Día de Rosalía, no que se conmemora a data de nacemento da escritora.