Despedindo a un sabio

Quique Alvarellos

SANTIAGO

Ksado

Ksado retratou en 1930 o velorio de Ánxel Amor Ruibal

31 dic 2017 . Actualizado a las 09:20 h.

Debo, en primeiro lugar, pedir desculpas por despedir o ano mostrando un velorio. Pero é que as nosas Fotohistorias non saben destas efemérides; aboian elas soas traendo e levando o tempo ao seu antollo. Hoxe viaxamos pois ao primeiro de novembro de 1930. Acaba de morrer o que, en palabras do teólogo e escritor Andrés Torres Queiruga (Aguiño, 1940) foi «o pensador máis grande que deu Galicia». Falamos de Ánxel María Amor Ruibal, natural do municipio de Barro (Pontevedra) onde nacera en 1869.

Morreu novo, con 61 anos, e aquí o están velando seis seminaristas. A fotografía é de Ksado, e foi publicada nas célebres páxinas gráficas da revista Vida gallega no número 467 daquel novembro de 1930. No pé de foto, escribe o redactor: «Muerte de un sabio gallego: el cadáver del ilustre teólogo, políglota, canonista e publicista Sr. Amor Ruibal, provisor de la archidiócesis, velado en Santiago por los alumnos de la Universidad pontificia».

Pouco se sabe e fala hoxe de Amor Ruibal. A maioría só coñece del, se acaso, a rúa que leva o seu nome. En Compostela está, como sabemos, en Pontepedriña, mais tamén Pontevedra, Ourense ou Vigo o teñen no seu rueiro. E aquí acaba a cousa. Este home, que fora suspendido cando quixera entrar no Seminario e que sempre andivo «por libre», foi quen de desenvolver unha carreira intelectual, a nivel europeo, de primeira orde. Filólogo, filósofo e teólogo. Escribiu ata vinte tomos de erudición abraiante, e loitou por trazar esa complexa ponte entre filosofía e teoloxía, o eterno problema «do ser e do coñecer».

Atráenos tamén a súa faceta como lingüista, por «exótica». Chegou a ser un dos maiores expertos mundiais en gramática caldea, a lingua que falaba, mil anos antes de Cristo, unha tribu semítica que habitaba polos desertos de Arabia. Lingua parente, seica, do propio arameo, o idioma de Xesús.

Nun artigo de 2014, Torres Queiruga reclamaba para Amor Ruibal a creación dunha Fundación que preservase e difundise toda a súa obra: «Foi un deses portentos tan xenial coma humilde (...). Dunha erudición asombrosa e cunha fondura especulativa que ten moi poucos parangóns na nosa historia; non só da galega».

Amor Ruibal está enterrado no claustro da Catedral. En 2019 cúmprense 150 anos do seu nacemento. Boa data para lembrar...

editor@alvarellos.info