Unha guía propón unha ruta con Cunqueiro por Mondoñedo

La Voz

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

O libro de Armando Requeixo ofrece un percorrido por 35 puntos da cidade e dos arredores

28 nov 2017 . Actualizado a las 04:55 h.

Unha guía literaria para percorrer Mondoñedo dun xeito especial: seguindo os pasos de Álvaro Cunqueiro. Un total de 35 espazos diferentes vinculados ao autor de Merlín e familia. Iso é o que propón Armando Piñeiro en Álvaro Cunqueiro e Mondoñedo, unha publicación que foi presentada onte no pazo de San Roque nun acto que contou coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; da alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia; e do responsable gráfico do libro, Abel Vigo.

O autor explica que trátase dunha guía literaria con dúas vertentes. Desta forma, pode ser entendida como una pauta para visitar a cidade, pero tamén é un libro de autor para os «cunqueirófolos», xa que acompañando aos lugares terán «todo o caudal de valoracións, impresións e xuízos de Cunqueiro sobre eles».

Trátase de 35 espazos: trinta están na cidade e cinco nos arredores, «que van sustancíandose no seu vínculo coa figura de Álvaro Cunqueiro, na súa vida ou na súa obra», relata o autor, Armando Requeixo. En moitos puntos, o que se recolle é a opinión que o propio escritor tiña sobre eses lugares e o que influiron na súa obra. E tamén neses vínculos aparecen outros autores que teñen que ver con Cunqueiro. Ao final, o libro ten un mapa despregable para poder visitar ese Mondoñedo cunqueiriano.

«É un libro que pode gustar a un viaxeiro, pero tamén para aqueles que o queiran ler como un traballo ao redor da obra e da vida de Cunqueiro vencellada a súa propia cidade natal», asegura Armando Requeixo. ¿E que sitio elixiría deses 35? O autor asegura que dentro da cidade sentaría xunto á estatua do escritor, onde hai unha vista da Catedral e dos Cantóns. E despois, tamén unha visión de Mondoñedo desde os altos.

Este libro, que tivo o seu xermolo nun roteiro na pasada primavera, xa se atopa nas librerías.