Unha web recompila as actividades sobre patrimonio de 14 centros da memoria

T. M. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

«As bibliotecas e os arquivos non só son depósitos», di Ramón Villares, senón que son «memoria viva»

11 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

É a primeira vez que entidades de diferentes administracións se poñen de acordo para visibilizar conxuntamente as súas actividades para o público no ámbito das bibliotecas, os arquivos e os museos. Son catorce, e entre todas suman máis de trinta actos repartidos por toda a xeografía galega para conmemorar o Día do Patrimonio, que se celebra o 16 de novembro. O Consello da Cultura Galega sumouse tamén a esta celebración facendo de paraugas, e na súa páxina web hai un enlace a ese espazo que permite coñecer quen vai facer que actividade conmemorativa ao longo dos próximos días, centrados na conmemoración do patrimonio de carácter moble.

«As bibliotecas e os arquivos non só son depósitos», explicou o presidente do Consello, Ramón Villares, senón que son «memoria viva». E esa memoria sairá ao encontro do público a través de xornadas de portas abiertas, visitas guiadas e ata da dixitalización de fondos como o Himno Galego gravado en Barcelona en 1919.

Creouse tamén unha imaxe única para a celebración dunha efeméride na que se quere transmitir a idea da diversidade do patrimonio, que pode ser inmoble, moble, natural e ata inmaterial que poden utilizar todos os centros participantes para a promoción das súas actividades.