«Quérese mostrar que o mundo árabe está formado por xente coma nós»

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Álvaro Ballesteros

O festival de cine Amal, que inclúe tres estreas, celébrase ata o venres no Principal

24 oct 2017 . Actualizado a las 13:18 h.

O Festival Internacional de Cine Euroárabe Amal regresa ao Principal este ano co lema E ti, por que loitas?. «A sociedade nos últimos anos manifesta dunha forma máis clara e máis directa a súa loita por cambiar o seu entorno. Nós queremos reivindicar a loita a través da cultura», explica o seu director, Ghaleb Jaber Martínez. A recadación volverá a ter un fin solidario: axudar a familias de refuxiados sirios.

-Xa van 15 edicións, ¿agardaban esta traxectoria?

-Non, tampouco o pensabamos. Comezamos Amal como a necesidade de mostrar un cine diferente, que representara a cultura árabe. Aí empezou a aventura, pero sen perspectivas de chegar moito máis alá. Ano tras ano fómonos dando conta de que había un espazo que demandaba este cine, que a xente se achegaba a ver este tipo de películas. Entón, fomos medrando pero sen perder o horizonte do principio: achegar o cinema árabe ao público. Nese sentido, estamos moi contentos porque, con máis ou menos axudas públicas, nunca deixamos de ofrecer un cine de calidade.

-A cita agora xa está afianzada. ¿Cambiaron os obxectivos?

-O obxectivo segue sendo o mesmo, que é que o cine sirva como unha ponte de culturas entre oriente e occidente, e que, ao ver un cine diferente, todos eses estereotipos que se forman sobre a cultura árabe se vaian desmitificando. Trátase de achegar ao público que o mundo árabe está composto por persoas coma nós, que ten os mesmos sentimentos, os mesmos soños.

-Tres estreas, ¿que supón para o festival?

-Estamos moi contentos coa traxectoria de Amal porque non só é un evento recoñecido dentro das nosas fronteiras. É o máis antigo de Europa en canto a cine euroárabe e fóra, para os realizadores do mundo árabe, sempre é un pequeno referente. É certo que o cine árabe xa aspira a loitar polos principais premios dos festivais, pero sempre nos gusta traer esa primicia, ese pequeno agasallo para o público compostelán, que é ver unha película por primeira vez no noso país. Para nós é un orgullo que os directores e os produtores cedan as películas para o festival.

-¿É moi complicado logralo?

-Sempre é complicado, aínda que hoxe hai moita produción. Ademais, o cine árabe xa é cuestión de calidade, que se proxecta en Numax, en Cineuropa; entón nós tentamos traer esas películas que non ofrecen.

-Este ano hai sesión golfa, ¿por que se creou?

-Víao axeitado para tratar certas temáticas. A ficción o que fai é empatizar e moitas veces comprender mellor unha realidade actual. Este ano a raíz deses atentados en Francia, Bélxica, en Barcelona..., con ese fenómeno que chaman os «lobos solitarios», decidimos poñer dúas películas. Unha que reflexa a situación dos inmigrantes en Francia, nos suburbios, que se senten marxinadas no sistema. A película, La Haine, xa é anterior a este fenómeno, pero reflicte moi ben a raíz dese problema. E a outra, Os cabalos de Deus, é o mesmo, pero trasladado a Marrocos, o fenómeno da radicalización, de xente sen escrúpulos que é capaz de comerlle o «coco». Parecíame interesante reflexionar dende o cine sobre este fenómeno.

-¿Segue sendo o cine árabe un gran descoñecido?

-Este ano enfrontámonos por primeira vez a que os filmes non só están xa por festivais e gañando premios, senón tamén está o factor de Netflix, porque algunhas das películas xa as comprara e non as puidemos poñer porque era o propietario. Polo tanto, xa está vendo no cine árabe uns filmes con potencial suficiente, o que leva a pensar que todo o mundo o quere ter na súa carta.

O protagonista. Ghaleb Jaber Martínez dirixe o ciclo Amal dende os seus inicios.

Carteleira. Dende onte ata o venres proxéctanse once filmes no Principal. Tres deles estréanse en España. Hoxe poderá verse «Fuegos en el mar» (20 horas) e «Eshtebak-Clash» (22 horas).