Feira do Leste presentará dous espectáculos no Salón Teatro dende mañá ao domingo
27 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.A nova compañía galega Feira do Leste, que aposta polo teatro experimental e novas dramaturxias, presentará os seus dous espectáculos esta semana no Salón Teatro, coincidindo tamén coa residencia na sede do Centro Dramático Galego. Exilio das moscas poderá verse mañá e o venres (20.30 horas); e Tras Tannhäuser, o sábado (20.30 horas) e o domingo (18). César No dirixe as dúas pezas desta compañía que tivo a súa raíz na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. De Santiago irán para Madrid e, de regreso, estarán na Sala Montiel.
-Non é habitual que unha compañía mostre dous espectáculos, ¿por que?
-Son as dúas pezas que saíron da compañía e facíanos ilusión presentalas en Santiago, e así, non deixar unha fóra. Queriamos que fora a carta de presentación da compañía en Santiago. Estivemos coa ESAD na mostra universitaria, pero é a primeira vez como compañía profesional.
-Son dúas pezas de temática diferente pero, á vez, ligadas: o exilio e o reflexo dunha xeración.
-As dúas son similares ao conformalas o mesmo equipo, o cal xa lle da tamén unidade. En canto a temática, Exilio das moscas é unha obra pechada tematicamente, trata o dos refuxiados, pero tamén fai fincapé na Guerra Civil. Sen embargo, Tras Tannhäuser é unha peza máis existencialista. Reflexa unha xeración á que se lle prometeron moitas cousas, pero non se cumpriron.
-A nivel de dramaturxia si que hai diferenzas.
-Si, hai bastantes. Exilio das moscas xira todo nunha temática, e Tras Tannhäuser é un paso máis, onde apostamos pola danza, polo movemento, polo corpo, onde as linguaxes do movemento teñen máis peso. É unha aposta máis filosófica, ten unha profundidade e chega a outras fronteiras. O público vai atopar cousas diferentes.
-Alude a chegar a outras fronteiras. ¿Aínda hai medo a apostas polo teatro contemporáneo, máis alá do convencional?
-Nós medo, non. Sempre tivemos claro o xeito de traballar e simplemente facemos o que nos vai saíndo. Si que son máis difíciles de programar en certos circuítos, entón, verano en máis sitios ou en menos, pero nós estamos contentos co traballo.
-¿Cales queren que sexan as súas sinais de identidade?
-O proceso de traballo dentro da compañía, que é como un laboratorio de exploración e de creación de materiais a través de textos, de movemento, da luz... Despois, a iso dámoslle unha unidade e unha coherencia para que o espectador se sinta identificado dentro de cada espectáculo e poidamos trasladarlle momentos de gran beleza.