«Procuramos facer proxectos para as persoas, non para o xenio que os crea»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

xoan a. soler

O curso de experto universitario en Xestión Cultural vén encher un oco formativo

10 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Formación práctica, adaptada ás saídas profesionais, a actualizar coñecementos e centrada en ofrecer todas as ferramentas e habilidades para traballar no mundo da xestión cultural. É dicir, como deseñar e coordinar de xeito integral un proxecto cultural, como acadar financiamento para facelo viable e darlle a proxección para chegar ás audiencias ás que queren chegar. Iso é o que ofrece o curso de experto universitario en xestión cultural que se desenvolverá na Facultade de Económicas entre outubro e maio, e que ten o seu prazo de inscrición aberto.

Isabel Neira, a súa directora, e Marcos Lorenzo, asesor académico, decatáronse de que había un baleiro formativo en Galicia. «Os que traballamos e nos formamos como xestores culturais tivemos que facelo ata ben pouco en Madrid, Barcelona ou a distancia», explica Lorenzo, que ten unha ampla experiencia como xestor cultural. «Non había unha formación profesionalizante en xestión cultural en Galicia, tendo en conta que os proxectos culturais aquí, polo contexto, non son o mesmo que nas grandes cidades». Así que hai catro anos iniciou a súa andaina este curso, «orientado a profesionaise impartido maioritariamente por profesionais do sector», di Neira.

«Tratamos de achegar á universidade ás persoas que non tiveron a oportunidade de formarse». O seu camiño está «orientado á empresa, a crear un proxecto que sexa viable» e a unir dous mundos, o da cultura e o da economía, que parecía que non casaban de todo. «Era unha anomalía que habendo tres universidades non houbera formación específica para un sector que segundo as estatísticas move o 2 % do PIB galego e que xera un 2,6 % do emprego», cre Marcos Lorenzo.

Conflúen no curso diferentes perfís. O de profesionais en activo que queren actualizar coñecementos, pero tamén o de titulados en ciencias sociais, xente que chega do ámbito técnico que queren ter unha visión global de como funciona un proxecto. «Sexa cultura, de TIC ou calquera, tes que xestionar un proxecto para que sexa viable», explica Neira, que considera que «faltaba no mundo da cultura, unha profesionalización máis formalizada, aínda que a parte creativa estaba máis que consolidada».

Non é, porén, un curso de emprendedores, aínda que teñen saído empresas desa gran rede profesional que se crea nas aulas deste curso, que ten unha estrutura básica na que rota parte do profesorado. Pasaron polo curso uns 50 docentes, e cada ano son arredor de trinta. Hai un grupo máis de perfil académico «e maioritariamente profesionais». Este ano estarán Víctor Belho (Nordesía), Yolanda Castaño ou Ángel Sánchez (Play Doc). A aula inaugural será impartida por Alfons Martinell, director da Cátedra Unesco de Políticas Culturais e Cooperación na Universidade de Girona.

Esa estrutura básica ten unha parte dedicada á creatividade, ao deseño de proxectos nunha serie de contextos «que inclúe un diagnóstico das necesidades e da potencialidade dun territorio ou dunha colectividade. Procuramos non facer proxectos culturais en base a xenialidades», explica Lorenzo. «Son proxectos para as persoas, non para o xenio que o crea», engade Neira. Logo hai unha fase de deseño da xestión: obxectivo, calendario, orzamentos, xustificación... A segunda parte céntrase en comunicación, márketing e relación cos públicos e unha terceira que se centra no financiamento.

Todo isto atendendo tamén á internacionalización. Galicia é só o 0,7 % da exportación cultural española, cando ten o 6 % da poboación. O curso mantén xa vínculos fortes co norte de Portugal -hai visitas guiadas e colaboracións- e tende pontes con aqueles profesionais que están exercendo o seu labor en diferentes partes do mundo.