Johnny, xogador do Ordes: «É imposible volver a repetilo»

Ignacio Javier Calvo Ríos
NASO CALVO SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

O domingo, no seu primeiro partido no municipal de Vista Alegre, marcou cinco dos sete goles que o seu equipo lle endosou ao Ribadeo

05 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Jonathan Cendón González, Johnny (Arzúa, 1990), é a nova estrela do Ordes de Iñaki Tembra. O domingo, no seu primeiro partido oficial no campo municipal de Vista Alegre, marcou cinco dos sete goles que o conxunto verde lle endosou ao Ribadeo na estrea do cadro ordense como local. Dende os catro anos xogou no Arzúa. Logo estivo nos infantís do Rosalía de Castro e na súa etapa xuvenil xogou no Arzúa e no Conxo. Xa como afeccionado militou no Santiago de Compostela de Preferente e regresou ao Arzúa, no que estivo dende Segunda Rexional ata a Preferente. Agora, defende por primeira tempada as cores do Ordes. Vive en Bertamiráns e estuda na Universidade de Santiago o último curso de Maxisterio Educación Primaria.

?Logo de tanto tempo no Arzúa, ¿cal é a razón pola que asinou polo Ordes?

?É certo que foi moi complicado saír de Arzúa e deixar o meu club de sempre, onde están os meus amigos e a miña xente de todos os días. Do Ordes fixeron unha oferta interesante e non daba chegado a un acordo en Arzúa. A diferenza non era tanta no aspecto económico, máis ben foron as formas na negociación co Arzúa, pois eu quería quedar. Pero cambiar de aires sempre é bo. Penso que foi unha boa decisión.

?Coa chegada ao Ordes estreou posición no campo.

?Estaba a xogar de extremo e este ano empecei arriba, en punta con Chiño. Atópome algo máis descansado aínda que tes que facer a primeira presión. E temos a Chiño, que corre todos os balóns. Síntome cómodo.

?O cambio de extremo a dianteiro veu cun bo regalo, ¿non?

?Non é normal marcar cinco goles nun partido. Dende logo que é unha experiencia única. Estás no campo e ti mesmo non o cres. Todo o que tocas vai para dentro. É unha marabilla, imposible de volver a repetir. Vívese unha vez na vida. Nin eu o podía crer ao remate do encontro.

?¿Que lle dixeron os seus compañeiros ao remate do encontro?

?Os meus compañeiros alucinaban. Preguntábanme que tomara no almorzo. No primeiro encontro que xogo na casa marco cinco goles e non está nada mal para ser a miña presentación. Cando tes catro ocasións igual metes unha, pero esta vez metín cinco e tiven dúas ou tres máis.

?Algo lle diría o adestrador, ¿non?

?Nada máis rematar díxome que o martes había adestramento e que non me ía librar.

?¿E a afección?

?Ninguén me coñecía e o domingo escoitei moitas veces o meu nome ao longo do partido. A xente flipaba tanto como eu.

?¿Quen sería o encargado de executar o domingo un penalti no Ordes?

?Sempre hai un xogador encargado de facelo, pero o domingo igual me deixaban a min.

?¿Agora vai polo pichichi?

?A miña mellor marca nun partido estaba en tres goles co Arzúa, e xa iso me parecía unha pasada. Foi o ano pasado nun 6-0 perante o Chantada. Cada tempada remato a liga con dez goles dende que estou na Preferente. O domingo xa cumprín o cota da primeira volta.

?¿Síntese máis cómodo agora xogando como dianteiro?

?É a primeira vez que xogo arriba. Comigo está Chiño e síntome moi cómodo. Como dianteiro tes outra liberdade e co balón podes facer máis cousas. Xa xoguei en todos os postos, de medio, de central, de lateral...

?¿Que obxectivos ten este ano o Ordes?

?O primeiro é salvarse e logo xa iremos mirando. É un equipo feito de cero e non sabemos como vai ser a adaptación á categoría, que é moi dura. Temos que marcar a permanencia coma obxectivo e non ter máis presión que esa. Temos un bo grupo e un vestiario moi san.

?¿Quedarán por enriba do Arzúa?

?O Arzúa ten un equipazo e igual queda por enriba nosa. Non o sei. Pero si sei que eu quería cambiar de aires e vivir novas experiencias.