«Luís Manteiga foi un vangardista e renovador da prosa e do teatro galego»

A investigadora insiste en reivindicar o interese deste santiagués, hoxe moi esquecido


santiago / la voz

Luís Manuel Antonio Manteiga (Santiago, 1903-1949) é unha figura recuperada para a historia do teatro galego «porque fixo dúas grandes achegas para a súa renovación no tempo da Segunda República: o emprego das técnicas de distanciamento e o tema da sexualidade feminina», destaca Laura Tato Fontaíña, profesora da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña e investigadora de referencia dos estudos literarios galegos. No ano 2003 publicou Teatro galego, e no 2005 Intres, obras que recollen a dramaturxia completa en galego e o máis significativo da súa produción en prosa, dous libros que Tato agradece ao apoio de Isaac Díaz Pardo. E este ano difunde «Un dramaturgo esquecido, Luís Manteiga», nun volume do Centro Ramón Piñeiro de homenaxe a Anxo Tarrío.

Tato lamenta que, «como case todo o teatro escrito naquela altura, o que produciu Manteiga nunca foi publicado e, de momento, non temos noticia de que fose estreado. Segue formando parte desa memoria histórica que aínda non fomos quen de recuperar». Defende que «Manteiga é un autor que ten interese, porque foi un vangardista e renovador da prosa e do teatro en galego. Parte da súa produción mesmo fai pensar en Virginia Woolf ou en Thomas Mann».

Resalta Tato que Manteiga «colaborou nas publicacións da Xeración das Vangardas», entre outras. «Durante o Bienio Negro dirixiu Claridad. Semanario de Izquierdas de Compostela para toda Galicia, que fundou coa colaboración de Ramón Suárez Picallo, Luís Seoane, Ánxel Fole, Ánxel Casal e outros, e como responsable dela pasou meses na cadea da Coruña e, á saída, abandonou Compostela para se instalar en Ourense, onde o axudou o grupo de Otero Pedrayo». A Redacción de La Voz de Galicia solicitou naquela altura a súa liberdade: «Foi unha mostra de solidariedade, co apoio de Antón Vilar Ponte. Manteiga regresou a Santiago en 1936, onde morrería, e onde pasou os últimos anos afectado dunha grave doenza e una terríbel soidade», refire a investigadora.

Laura Tato destaca que Manteiga é autor de 14 pezas de teatro, cinco en galego (catro delas están na Real Academia Galega, onde as entregou Martínez Barbeito), escritas antes de guerra de 1936; e 9 en español, posteriores. Tamén ten narracións en castelán e «foi finalista en cinco edicións do premio Planeta», afirma.

Neste máis recente traballo estuda dúas: A mecada. Estampa rural en 4 cadros e máis Branca. Dama curto, que Tato considera «as máis representativas». A primeira responde a unha proposta que fixera Castelao a Otero Pedrayo en 1934 para promover o teatro galego, segundo esclarece.

Luís Manteiga foi un dos 71 fundadores da Asociacións de Escritores de Galicia, nunha reunión celebrada o 29 de marzo de 1936, con Castelao, Carballo Calero, Paz Andrade ou Juan Jesús González, entre outros.

Laura Tato verificou a intensa actividade de Manteiga: participou na tertulia do Café Español de Santiago, como testemuñou Luís Tobío, ou na da editora Nós, de Ánxel Casal; estivo entre os fundadores da sección galega do Comité Internacional de Cooperación Intelectual; acompañou a Federico García Lorca cando veu dar a conferencia en Santiago en 1932; foi empregado nuns almacéns da cidade e tivo relación con Arturo Cuadrado, entre outros datos de interese.

Documenta igualmente os seus ingresos no Hospital Real, «onde o tratou da tise seguramente o doutor Devesa. A súa saúde foi a causa de que non o fusilasen no tempo da guerra de 1936, aínda que o seu nome chegou a aparecer entre as vítimas das persoas paseadas. Cando morreu provocou mesmo estrañeza, porque moitas persoas que o coñecían pensaban que estaba morto había anos», indica Laura Tato.

Laura Tato. Publicou dous libros con obras de teatro e narrativa de Luís Manteiga, nos anos 2003 e 2005, en Ediciós do Castro, co apoio de Isaac Díaz Pardo.

Luís Manteiga. Foi xornalista e escritor vangardista, con produción publicada sobre todo en Compostela, Ourense e Lugo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Luís Manteiga foi un vangardista e renovador da prosa e do teatro galego»