«Agora estou bastante pechada, estou producindo, pintando»


O estudo de María Meijide está no terceiro piso do número 9 da praza do Toural. Dende un lado, vese a zona vella. Do outro, a Senra, a fronteira co Ensanche, e esas pequenas rúas nas que aínda quedan os bares de sempre, como o Calpe. María Meijide procura pasar cinco ou seis horas ao día pintando. «Agora estou bastante pechada, estou producindo, pintando», explica. Pinta cadros intimistas, domésticos e de temática erótica nese piso de teitos enormes, de portas amplísimas. Onde a luz rebota e se expande unha e outra vez. E tamén traballa coa temática da viaxe. «Estou con tres ou catro proxectos á vez. Quero editar outro caderno de viaxe» como o que fixo da súa viaxe por Asia. O Afastado Oriente contado con moito debuxo e poucas palabras.

«Igual que un diario que escribes é un diario que pintas. E a pintura grande tamén é un diario». «Hai moito tempo que tiña idea de marchar cara a Oriente, unha idea un pouco romántica como unha experiencia ao Gaugin». Pero a vida nunca é como un a quere pintar. A idea era quedar vivir alí, nunha gran cidade asiática. «Pero a verdade é que ao chegar alí gustáronme moito, pero no o suficiente» para quedar. E volta a Compostela, onde si tiña proxectos en marcha, como ese mapa emocional que a tantos emociona. «Imaxino que dun xeito ou outro marcharei de aquí a pouco» para instalarse nunha cidade grande. Mantendo o vínculo. Mantendo o estudo.

¿Que país pintará María? «Estiven en Senegal hai uns meses e quero volver». Pode ser África. Pode ser tamén América, porque María regresou de Bos Aires co seu caderno de viaxe na bolsa. Pinta o que ve. «Se estou na casa pinto cousas domésticas, a xente que pasa por alí... É unha pintura moi do directo».

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Agora estou bastante pechada, estou producindo, pintando»