Hábitos e alternativas

SANTIAGO

12 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Que a conexión de Xoán XXIII con San Francisco ten un problema, serio e crecente, é evidente. Tan evidente como que non debe haber maior preocupación que a seguridade do peón. Aí non haberá quen lle poida rebatir nada ao goberno. Pero entre o que estaba a acontecer e a eliminación do tráfico queda espazo para contrastar alternativas de covivencia entre ambos modos de mobilidade. Sen embargo, semella que Compostela Aberta non quixo darlle unha oportunidade.

Outros gobernos o intentaron e fracasaron, é certo. Pero tampouco puxeron empeño en buscar alternativas máis aló de dúas intervencións blandas para insinuar o trazado turístico dende a dársena á rúa San Francisco. E tampouco parece que o puxera Compostela Aberta antes de chegar a eliminar o tráfico. Porque se ben é de aplaudir que sinalizase o que xa era unha realidade (que esa é unha zona de preferencia peonil), tamén é certo que esa sinalización e o límite a 10 apenas levaban instalados unhas semanas como para darlle ocasión de atemperar o tráfico, antes de expulsalo. E nunha zona saturada de sinais non era doado velos sen anuncialos antes. Non se fixo pedagoxía, aínda que é obvio que esa medida por si mesma non é alternativa ao problema.

Tan obvio como que unha solución que non prescinda do tráfico non pode ser doada nun punto tan sensible polo seu uso e caracter histórico. Pero, no caso de habela, non se dá con ela se non se busca. Os usuarios desa vía terán que mudar hábitos, si. E iso cargará máis os viais do entorno, porque mentras o transporte público non mellore rutas e frecuencias non vai ser alternativa para quen non é xa.