O escultor que era parte esencial da paisaxe e paisanaxe de Logrosa

x. amancio liñares giraut

SANTIAGO

SANDE

Andrés Barbazán Ferreiro faleceu con 90 años

20 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Un In memoriam urxente, nocturno e tranquilo, para homenaxear a vida e a obra dun amigo que nos deixou con 90 anos neste domingo tan quente de xuño, cando a primavera nos torrou coa calor máis abafante dun verán adiantado. Perdemos un escultor clásico, un artista de Logrosa -moi fondamente logrosán-, un home de ben, con todo o humanismo e os valores fraternais que posúen aqueles que aman a arte con paixón e autenticidade. Si. Unha boa persoa, con moita sensibilidade, co amor que verten aqueles seres humanos ben dotados de creatividade, para quen a beleza e a estética precisan ter acougo e presenza nun mundo tan entoleirado.

Seica Andrés Barbazán ficou moi tristeiro dende a recente morte da súa irmá, Lola. Primeiro xa faltara Armando, despois Sixto, e Choncha... A casa de Barbazán da Chancela de Arriba pechara tamén aquel muíño para a veciñanza. Faltaron xentes da casa, tamén se foi anovando a familia con novos membros. O ritmo da vida. E Andrés deu chegado ata aquí, cun corazón grande, mais agora xa canso. Era da quinta de meu pai, e doutro artista de Rons -Xosé Mª Pérez Forxán-, xa finados anos atrás, e que mantiveran moita amizade.

O escultor de Logrosa formaba parte esencial da paisaxe e da paisanaxe da vila de Negreira e da nosa contorna barcalesa. E non é merecente do silencio. Velaquí o meu tributo máis sentido, o meu agarimo de veras.