«O boxeo non é un deporte agresivo»

Ignacio Javier Calvo Ríos
NASO CALVO SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

O púxil de Ames, tres veces campión de España, disputará o vindeiro 30 de xuño en Francia o Campionato da Unión Europea

18 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Moncho Mirás naceu en Santiago de Compostela no 1985, pero é de Castelo, unha parroquia do Concello de Ames. O pasado venres proclamouse por terceira vez campión de España de boxeo no peso galo no Multiusos Fontes do Sar da capital de Galicia. Gañou por primeira vez o título o 7 de outubro do pasado ano en Riazor diante do leonés Saúl Tejada, a quen mandou para o hospital e a quen lle dedicou o seu último triunfo en Sar. A súa primeira defensa do título foi en decembro perante o vasco Javier Díaz, tamén na Coruña. Leva nove combates como profesional e gañou as nove pelexas que disputou, tres deles pola vía rápida. No salón da súa casa xa ten tres cintos de campión de España, pero o púxil amiense non se conforma. Desexa chegar moito máis alto neste deporte que tanto quere.

?Na capital galega ven de derrotar polos puntos logo de dez duros asaltos ao mallorquín Momen Mahdaj.

?Foi unha velada moi especial para min, diante da miña xente, da miña afección. Pelexar na casa sempre se agradece. Escoitar os berros dende as bancadas da moito alento, sobre todo cando o estás a pasar mal. Sempre se agradece escoitar á xente dicir o teu nome repetidas veces. En moitas fases da pelexa atópaste canso e os seus berros axudan a recuperarte.

?¿Como foi a pelexa con Momen Mahdaj, na que xa partía vostede como claro favorito?

?Foi moi dura e intensa, pero tamén coido que moi entretida para o afeccionado. No quinto asalto foi onde peor o pasei, pois nun cruce de golpes recibín unha boa contra do aspirante. Recuperei ben e logo xa non tiven moitos atrancos para acabar o combate. Penso que máis dunha vez o tiven preto do k.o., pero é un rival moi duro, que sabe encaixar ben, e reaccionou en cada asalto. Tampouco quixen buscar o k.o. de maneira precipitada. Preferín non arriscar demasiado porque sempre podes levar un golpe definitivo se fas un ataque ao tolo, sobre todo cando xa ían quedando moitos menos minutos para rematar.

?Os tres xuíces déronlle a vitoria a vostede, dous deles con moita claridade, pero dende abaixo parecía que as puntuacións finais deberían ser moito máis contundentes ao seu favor.

?Non sei, igual dende abaixo os xuíces ven outra cousa. Para min foi unha vitoria moi clara. Coido que lle gañei con bastante diferenza.

?¿Hai moita afección ao boxeo en Galicia?

?Cada vez vexo máis. Nos ximnasios hai máis xente a practicar este deporte. Botando a mirada cara atrás, podo dicir que antes case que non tiñamos veladas. Claro que non se pode comparar esta afección de hoxe á de varias décadas atrás, pero pouco a pouco o boxeo estase a erguer, cada día cóntase con máis rapaces que queren facer isto. Nótase moito, tanto na afección como nos practicantes.

?¿Estamos a falar dun deporte agresivo?

?Non. Dicir que é agresivo paréceme inxusto. O boxeo, ninguén pode pensar o contrario, si é un deporte moi forte e moi duro, pero non é agresivo. Hai moitas regras que impiden que sexa así. Os árbitros cada vez están máis preparados e fíxanse moito cando hai algo enriba do ring.