Desmontando tópicos sobre Rosalía de Castro

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

Non era unha muller triste. Máis ben todo o contrario, segundo a súa familia

12 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Libraría Couceiro • 19.45 horas • Non era unha muller triste. Máis ben todo o contrario, segundo a súa familia, que a lembra cantando, tocando a guitarra, alegre, vital. Tampouco tiña un trauma pola súa orixe que xustificase amargura ou dor. Era unha rapaza amada, nunha familia unida, numerosa, con xente nova arredor. Nin precisaba atopar a Manuel Murguía para ter relacións de primeiro nivel co ambiente cultural e literario de Madrid. Viaxou alí como protexida da familia Gasset, nada menos. Son só tres dos tópicos atribuídos a Rosalía de Castro que María Xesús Lama desmonta no primeiro volume da súa biografía, que abrangue dende o seu nacemento á publicación de Cantares Gallegos e que bota luz sobre a infancia e a educación dunha rapaza criada nun ambiente esencialmente urbano -Compostela era entón unha das dúas grandes capitais do país- e liberal, dos liceos e dos ateneos e da súa decisión de viaxar a Madrid para facer carreira literaria. Unha Rosalía libre, independente, alegre, idealista, a bandeira que fixo rexurdir a cultura galega.