O vello Bar París de Valle-Inclán

O actual Negreira, no Vilar, era visita habitual do escritor


O 21 de abril asistín a un dos reveladores roteiros literarios que, por Compostela, percorren os espazos que lle foron amenos a don Ramón del Valle-Inclán. Levan por título Rosa mística de pedra, que é como o gran dramaturgo definiu esta cidade hai cen anos na súa indispensable e orixinalísima obra La lámpara maravillosa. Guiados por Antonio González Millán, director do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, aprendín e gocei por partes iguais. Souben, por exemplo, que a célebre taberna Negreira, a coñecida como O Pataca, no número 75 da rúa do Vilar foi, nos anos 30, lugar habitual de visita e, mesmo tertulia, de Valle-Inclán. Daquela non se chamaba así, senón Bar París (non confundir co outro París do roteiro -menos literario- París-Dakar).

Ao rematar a nosa ruta e camiño de casa decidín facer unha parada no Negreira. A carón dunha cervexa e dunha das súas ocres e gorentosas patacas, preguntei se sabían o de Valle-Inclán. Hoxe o local rexéntano, con boa man, os descendentes do lembrado Juan Iglesias Otero. Coméntanme que antes de chamarse Negreira (pois os antepasados dos actuais donos proceden desa comarca) se chamaba París, pero ningún outro dato chegou ata eles. O que si viron, dinme, é unha foto de cando aínda era tal, o París.

A imaxe pasáralla todo un especialista e coleccionista en fotografía antiga de Compostela, Fuco Sanjiao, pero eles non a conservaban. Pois velaquí a foto. Que Fuco ten a bo recado no seu arquivo. Unha imaxe (de autor descoñecido) que contén información e curiosidades abondas e que moito lle agradecemos nola cedese para a súa publicación nestas Fotohistorias.

Un grupo de rapaces rodea a un conxunto de novos gaiteiros. Ao parecer, trátase do histórico conxunto Os Enxebres de Cacheiras, segundo información recibida por propio Sanjiao. Enriba deles, unha bandeira de Galicia pendurada do segundo andar do nº 71, pois estamos nos tempos da República e nas Festas do Apóstolo. A imaxe sería obtida entre 1931 e 1935. E, detrás dos gaiteiros, á esquerda, un cartel escuro no que se certifica: Bar París. Vinos y comidas.

Este imaxe descoñecida do lugar onde a Rúa do Vilar recibe os aires mesturados da Porta Faxeira, do Toural e mesmo do Franco, lévanos a dignificar as vellas tabernas de Compostela. O actual Negreira, unha das cantinas máis xenuínas da cidade, ten a súa orixe, como tal Negreira, nos anos 40, e unha estética que oxalá nunca perda. Se a esta orixe lle sumamos o espírito do Marqués de Bradomín e do vello París que o antecedeu, temos a maridaxe perfecta para coidala e perpetuala coma un monumento máis da nosa cidade. Unha Compostela da que Valle tamén dixo que «está llena de una emoción ingenua y romántica (...). Tiene la soledad, la tristeza y la fuerza de una montaña».

editor@alvarellos.info

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
13 votos
Comentarios

O vello Bar París de Valle-Inclán