Asorey no seu primeiro taller

Elabora un busto en 1914 de Enrique Guerra


Un escultor moi novo cun brillantísimo futuro, Francisco Asorey (Cambados, 1889-Compostela, 1961) aparece aquí retratado mentres traballa no seu primeiro taller, na rúa Caramoniña de Santiago. Dá os últimos retoques a unha das súas esculturas: un busto do seu amigo o fotógrafo Enrique Guerra, que aparece ao pé da obra que o vai inmortalizar, posando para a imaxe co mesmo aceno dela. A fotografía, sen autor identificado, saíu publicada na revista Vida Gallega en febreiro de 1914. Con este texto: «El celebrado escultor gallego Sr. Asorey haciendo el busto del distinguido fotógrafo Sr. Guerra, obra artística elogiada por la crítica».

Francisco Asorey, 25 anos (dereita), esculpe o busto do recoñecido fotógrafo Enrique Guerra. Imaxe publicada no nº 52 da revista Vida Gallega en febreiro de 1914.

O busto, efectivamente, está flanqueado por dúas personalidades do momento. Hoxe, como sabemos, Francisco Asorey é recoñecido coma un dos escultores máis relevantes de Galicia e de España de todo o século XX. Está soterrado nada menos que no Panteón de Galegos Ilustres e a súa obra, potente, renovadora, chea de personalidade e forza, érguese en moitos lugares de Galicia, do Estado e traspasa o Atlántico...

Enrique Sánchez-Guerra, pola súa banda, era un destacado fotógrafo de estudo na Compostela de inicios do século XX. Ademais de fotógrafo, vivía coma todo un bohemio, un artista que paseaba a súa figura con capa e chapeu polos cafés daquel Santiago literario e artístico. Amigo de Carlos Maside, Castelao, Camilo Díaz Baliño ou o propio Asorey, sería, ademais, poucos anos despois (1921) un dos cofundadores da agrupación artística Cantigas e Agarimos (hoxe felizmente en activo). Como fotógrafo, polos días desta imaxe, era correspondente para Santiago da revista Vida Gallega que dirixía dende Vigo Jaime Solá, publicación da que temos extraído nós varias Fotohistorias.

A foto, como dixemos, tomouse no primeiro taller de Asorey, en Caramoniña, que usou o artista dende o ano 1913 ao 1929. Despois, o espazo quedara pequeno e tivo que se trasladar a outro maior, nesta ocasión a Tras Santa Clara, precisamente porque en Caramoniña non collían esculturas como o seu gran monumento a San Francisco, que hoxe preside en Compostela a entrada ao convento: 12 metros de abraiante altura granítica.

Dende 2015, unha placa lembra ese obradoiro de Santa Clara, de onde xa sairán os outros destacados monumentos esculpidos nos anos trinta: o de Curros Enríquez, en granito, para a Coruña; o do aviador Loriga, para Lalín, en granito e bronce; ou o Colón, en mármore, para o Retiro de Madrid, entre tantos outros.

O busto do fotógrafo Enrique Guerra non está exposto en ningures, pois pertence a unha colección privada. Por iso, esta imaxe de 1914 permítenos revivilo, e lembrar tamén aqueles anos aurorais dun artista que peiteaba coidada raia ao medio.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
12 votos

Asorey no seu primeiro taller