«Moitas empresas ven un bo lugar para os seus proxectos»

La Voz

SANTIAGO

16 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Pese á súa curta traxectoria, a Amtega está a xogar un papel clave na modernización de Galicia. Así o cre Mar Pereira, directora da axencia asentada no Gaiás.

-¿Canta xente integra a axencia?

-Por unha banda está a sede da Amtega: 400 profesionais entre empregados públicos e empresas tecnolóxicas que colaboran con nós. Despois hai tres iniciativas empresariais diferenciadas. Son 50 traballadores no CEIN de HPE, que traballan no ámbito de Big Data e analítica de datos con clientes de España e estranxeiros. Despois está o centro de emprendemento e coworking de Telefónica, que forma parte dunha iniciativa internacional da empresa que ten o seu espazo en Galicia no Gaiás. Levan 150 iniciativas e proxectos polo de agora. Por último está o centro de Vodafone, que traballa no marco da innovación social e a accesibilidade á tecnoloxía e esperamos que arranque en novembro.

-¿Como xurde a idea de instalarse na Cidade da Cultura?

-Isto xurde desde a convicción de que o Gaiás podía xogar un papel importante no ámbito da innovación tecnolóxica. Xúntase a cultura, o emprendemento e a tecnoloxía. Buscamos solucións innovadoras para diferentes ámbitos do sector público e privado. Sumamos iniciativas creativas de persoas novas, con apego pola comunidade autónoma. Queremos aumentar este tipo de proxectos.

-¿Cales son os piares nos que se sustentan?

-No 2013 asinouse un pacto dixital con empresas tecnolóxicas de diferentes ámbitos, algunhas galegas e outras internacionais. Estas tres empresas que teñen iniciativas no Gaiás son asinantes deste pacto, coa idea de colocar en Galicia estas innovacións tecnolóxicas. Agora, dentro do pacto, todas as empresas están traballando con iniciativas, aínda que a curto prazo non se pode falar de ningunha. Moitas compañías pensan que o Gaiás pode ser un bo sitio para implantar en Galicia os seus proxectos. O noso afán e que se vexa que aquí se poden facer cousas para outros lugares. Temos apoio, ideas e talento de sobra para facelo.