«A sociedade ten que lle recoñecer a capacidade de decisión aos menores»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Álvaro Ballesteros

Este membro do Comité de Ética Asistencial da área sanitaria de Santiago participa no recoñecemento do primeiro cambio de nome e sexo por transexualidade

27 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

«Antes de participar no Comité de Ética Asistencial da Área Sanitaria para min as cousas eran legais ou non, estaban na lei ou non; e comprobei como a Ética e a Filosofía axudan cando as cousas non están moi claras. Entrei no Comité para ter información directa da realidade asistencial, para contactar directamente con profesionais e doentes, coñecer un hospital por dentro, porque me interesa o Dereito sanitario, e agora valoro que se o Comité funciona é garantía de que as cousas se fan ben», explica Miguel Vieito Villar. Este mes participou no Congreso Luso-Brasileiro de Bioética e nun encontro na Consellería de Sanidade sobre doazón en asistolia controlada.

-Defende o recoñecemento da transexualidade, ¿como está a situación?

-Con Enrique Latorre, doutorando en Filosofía, e Cristina Palacios, presidenta de asociación Arelas, defendemos a autonomía dos menores para o acceso a bloqueadores hormonais. Non hai unha normativa específica sobre o asunto, a lei é moi xeral, por iso se dan interpretacións erróneas polos especialistas médicos, que caen en prácticas de medicina defensiva, como solicitar o consentimento informado escrito de ambos representantes legais.

-¿Non é necesario?

-A sociedade ten que lle recoñecer a capacidade de decisión aos menores. A partir dos 14 anos, un menor pode tomar decisións co mesmo nivel de seriedade e autonomía que unha persoa adulta.

-¿Que problemas hai neste asunto?

-Penso que hai tres problemas: a interpretación da lexislación vixente, o carácter difuso desa lexislación, e a falta de fe nos menores, pola tendencia de os considerar persoas incapaces.

-¿Hai moitos casos trans?

-Hai xa algunhas solicitudes de cambio de nome no Rexistro, que se concederon sen problemas. Recentemente tramitamos coa asociación Arelas o primeiro caso de solicitude de cambio de sexo e nome, as dúas cousas xuntas, que confiamos sexa concedida.

-Outra das súas preocupacións é o papel de familiares e coidadores en situacións finais da vida, ¿hai novidades?

-É un tema interesante, porque en Galicia, a inmensa maioría, entre o 80 e o 90 % segundo algúns estudos, son coidadores informais, familiares ou achegados non profesionais. Na lei de fin de vida hai pequenos avances sobre ese colectivo, aínda que falta unha definición clara do que é un coidador informal, non se recolle o seu estatuto xurídico de xeito completo e sistemático. O maior avance é recoñecer o carácter preferente dos coidadores informais sobre os familiares.

-¿É iso acertado?

-Entendo que si. A sanidade pública non cubre o servizo de acompañantes profesionais para estar con pacientes. Se non existisen coidadores informais habería un gran problema. Por iso penso que se debe ter en conta a opinión deses coidadores para o consentimento cando o paciente non é capaz. Porque son persoas decisivas no confort e na dignidade do proceso de morrer, pois acompañan o paciente e cobren as súas necesidades de roupa, comida, e outras, mesmo a atención espiritual e moral. Por iso se debe ter en conta a súa opinión.

-¿Que interese ten a doazón en asistolia?

-Esa é a doazón, por exemplo, en situacións de retirada de medidas de soporte vital e ten moito interese porque, segundo a Organización Nacional de Trasplantes, supón a maior posibilidade de incrementar a doazón de órganos nos próximos anos. No sistema español, unha persoa é doadora se non dixo nunca o contrario, e penso que non se xustifica o pedir sempre a opinión da familia para doar órganos e tecidos.