«Un rapaz tutelado non ten maior risco de ser un delincuente ca outro»

Susana Luaña Louzao
susana luaña SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

Advirte que o fracaso escolar é a porta da exclusión, de aí o traballo nos colexios da bisbarra compostelá

11 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Nada máis licenciarse en Dereito, Carlos Rosón Varela elixiu o camiño da súa vocación, o traballo solidario; primeiro coa etnia xitana, logo en Proxecto Home e despois profesionalizando ese labor cun máster en xestión de entidades non lucrativas. Xunto con outras persoas concienciadas no voluntariado e vinculados a oenexés creou no 2000 Igaxes3, unha asociación que traballa con rapaces en risco de exclusión social.

-¿En que se diferenza Igaxes3 doutras entidades que traballan con colectivos desfavorecidos?

-Nós procuramos o empoderamento con colectivos en risco de exclusión para que pasado un tempo podan ser independentes; fuximos da visión asistencial e nos especializamos en mozos de 12 a 25 anos, tutelados, extutelados, en cumprimento de medidas xudiciais ou que arrastran un problema de fracaso escolar. A iniciativa partiu de persoas que xa traballábamos na solidariedade e que pensamos que isto había que profesionalizalo, e fixémolo xunto coa universidade e a empresa, porque un dos nosos valores é o traballo en rede, con catro liñas: a intervención directa, a formación de profesionais, a investigación e a incidencia política, para acadar cambios nas políticas que se están a aplicar.

-¿Que pasa cun rapaz tutelado que chega á maioría de idade?

-A tutela extínguese e hai que preparalos para unha vida autónoma.

-¿Se arrastra un problema de fracaso escolar como se afronta ese futuro?

-Ese é o gran reto. Di o informe Pisa que un 40 % do fracaso escolar está directamente relacionado coa exclusión social. Nós actuamos sempre que hai un conflito e traballamos en colexios de Santiago, Oroso e outros municipios limítrofes. Tamén en Poio. Sempre cos servizos sociais e cos colexios para mellorar a situación familiar.

-¿Pero como se poden mellorar os resultados académicos de rapaces que ás veces viven conflitos familiares graves?

-Cada caso require unha actuación distinta, pero por poñer un exemplo, traballamos moito co estímulo matemático, para que aprendan a gozar as matemáticas. Hai dúas materias que está demostrado que melloran os resultados, as matemáticas e a lectoescritura.

-¿É moi alta a taxa de fracaso escolar?

-Pasa do 20 % en Galicia. A máis alta é a de Baleares e nós estamos na media, pero está claro que é un predictor da exclusión social.

-En Galicia hai mil nenos tutelados pola administración. ¿A súa situación agravouse coa crise?

-Afectou, sen dúbida, hai un aumento de persoas atendidas porque democratizouse a exclusión social. Aínda que non hai un perfil fixo, si hai unha situación familiar difícil que é coa que nós traballamos.

-¿E de que xeito se pode axudar a eses rapaces?

-Nós temos o programa Mentor, financiado polo Fondo Social Europeo e pola Xunta, que traballa na inserción laboral e na autonomía persoal. É punteiro en España e facemos un seguimento deles ata os 25 anos, aínda que en moitos casos a relación aínda se mantén cando xa son autónomos.

-¿Non é difícil acadar un traballo para eles cando nin sequera hai traballo para os universitarios?

-Hai un 40% de inserción, outro 40 % que está formándose e o gran reto é o 20 % restante, que quero deixar claro que non son delincuentes, senón que é máis ben un problema de falla de motivación.