«Ir a diálise por unha doenza renal crónica impacta moito a vida persoal»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Álvaro BALLESTEROS

Traballador social de Alcer, iniciou unha experiencia de axuda en Nefroloxía do Clínico, pioneira en España

21 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

En febreiro do ano pasado o traballador social e sexólogo Alfredo Saborido comezou a exercer profesionalmente na Asociación para a Loita contra as Enfermidades do Ril (Alcer) da Coruña. Este verán iniciou no Hospital Clínico «unha experiencia de axuda a persoas no servizo de Nefroloxía, que para a nosa asociación é pioneira en España. En principio hai un convenio que contempla prestar atención dous días á semana», afirma.

-¿En que consiste esa experiencia?

-É un traballo que se fai en estreita colaboración co xefe de servizo e con persoal de Nefroloxía, tras asinarmos un convenio entre Alcer e o Sergas. Na sanidade pública existen unidades para a Enfermidade Renal Crónica Avanzada (ERCA), atendidas por persoal médico e de enfermaría especializado. Teñen como obxectivo ofrecer unha atención especializada integral previa, antes que esas persoas inicien un tratamento renal substitutivo, diálise, ou que sexan transplantadas. O obxectivo é que se preparen para o impacto que a doenza renal avanzada ten na vida e no proxecto vital da persoa.

-¿Como é ese impacto?

-Ir a diálise por unha doenza renal crónica impacta moito a vida persoal. Ten repercusións moi serias na situación laboral, socioeconómica, familiar, de parella, na xestión do ocio e tempo libre, mesmo na nutrición; e é importante estar ben preparado para todo iso.

-¿É consciente a persoa afectada desas mudanzas?

-Hai persoas que, como no meu caso, que levo 11 anos transplantado, saben de un día para outro que van entrar en diálise. Porén, a maioría coñecen hai tempo que teñen unha doenza renal. O que pretende a unidade ERCA é dar soporte en todas esas cuestións ás persoas que están nos estados máis avanzados da doenza renal crónica. Do que se trata é de ver a persoa, non só o seu ril. Existe un documento marco para a intervención nos servizos de nefroloxía con estas persoas, que recomenda contar coas asociacións como Alcer; iso favorece que se comezase esta experiencia no Clínico. Está orientada para as persoas que queiran, voluntariamente; que asinan un consentimento informado.

-¿Hai moitas persoas na unidade ERCA do Clínico?

-Hai unhas 120 persoas, moitas candidatas a entrar en diálise, que necesitan coñecer o que vai pasar co seu traballo, se van ter que se acoller a unha incapacidade permanente, que recursos hai ao seu dispor, como lles vai afectar o tratamento de 3 ou máis días á semana en todos os aspectos da vida. O meu traballo é apoiar, asesorar, informar e servir de axuda para que tomen decisións; en especial ao principio, cando poden ter máis dúbidas.

-¿Que decisións?

-Por exemplo sobre que tratamento substitutivo elixir: a experiencia e o contrastar información con un igual moitas veces é decisivo; sempre tendo en conta os criterios médicos.

-¿Que lles preocupa máis?

-A maioría das demandas son por temas sociolaborais; porque se non hai traballo non hai ingresos e iso inflúe en todo. Tamén se interesan por temas de nutrición e outros persoais, aínda que menos.

-¿Como valora esta experiencia?

-Por agora as persoas atendidas son poucas. O obxectivo é poder realizar tamén formación de grupos, e que haxa persoas expertas no autocoidado e na xestión da autonomía.

Especialista. Alfredo Saborido é traballador social e sexólogo. Transplantado renal hai 11 anos, no 2015 comezou a exercer en Alcer

A experiencia. Ofrece axuda e asesoramento a persoas que están a seguimento na unidade para tratar doenzas renais avanzadas do servizo de Nefroloxía do CHUS.