«O impacto do disco vese na acollida popular, non nas vendas»

EMilio Forxán

SANTIAGO

. X. Búa

O líder de Luar na Lubre destaca que o concerto desta noite será o primeiro en Negreira

20 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Luar na Lubre está de xira co seu último traballo, Extra Mundi, no que reinterpreta e fai versións de temas clásicos doutras culturas, como a vasca, a catalá, a valenciana, a andaluza ou a asturiana. Esta noite (22 horas), actúa na 14 ª Noite Folk de Negreira, na área recreativa de Cobas, xunto con Pepe Vaamonde Grupo e Queicoa. Será a súa segunda actuación en Galicia este verán. Bieito Romero, líder de formación, destaca que tocarán por primeira vez en Negreira.

-¿Por que a aposta por cancións doutras culturas?

-Queríamos reflexar, a modo de homenaxe, todas esas terras e xentes que nos acollen cos brazos abertos e en irmandade, xa que actualmente o 80 % dos nosos concertos son fóra de Galicia.

-¿Actúan moito fóra?

-En Galicia o 95 % dos concertos que damos son de balde e, sen embargo, fóra o 100 % son pagando entrada, que é a lóxica e a normalidade. Aquí estamos aínda na cultura do gratis e non acaba de valorarse a música como realmente debe e, por iso, moitos festivais e grupos esmorecen por non acadar o seu nivel de profesionalización ou de autofinanciación para poder ter unha continuidade alén das axudas institucionais, que cada vez son menores.

-¿Hai menos traballo aquí?

-Cada vez, desgraciadamente, hai menos. Aínda que dea a sensación de que cada vez hai máis, en realidade, cada vez hai menos grupos. É algo que contrasta coa calidade musical que temos porque nunca tantos músicos e de boa calidade houbo, pero as propostas son insostibles, porque hai pouca sensibilidade e apoio desde calquera das administracións. De feito, o nivel de contratación baixou un 80 % dende hai uns anos e estamos nun nivel precario, cun 21% de IVE e medidas que o único que fan e meterche paus nas rodas.

-¿Como resultaron os últimos cambios na formación?

-Considero que foron positivos. O grupo reforzouse e viuse impulsado. Temos unha nova voz, como é a de Paula Rey, pero en realidade o importante é o proxecto musical dende a óptica de entender que a música é un dos factores culturais máis importantes para a afirmación do dereito á diferenza enriquecedora do pobo galego.

-Os seus discos sempre están entre os máis vendidos. ¿Diso vívese?

-Nós o impacto non o vemos nas vendas, simplemente porque a música xa non se vende, pero si ten impacto na acollida popular. Vas ao Teatro Falla de Cádiz e está cheo, ou vas ao Teatro Calderón de Madrid, e tamén... Practicamente toda a xira de Extra Mundi foi en teatros emblemáticos con cheos absolutos e, incluso, houbo que facer dobletes e en Alcalá, triplete. Aí é onde mides o impacto da túa música.