Maior presenza de personaxes da época grazas ao entusiasta respaldo dos paisanos

La Voz

SANTIAGO

19 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Sara López non quere deixar pasar a oportunidade de agradecer a implicación dos seus paisanos. «A primeira vez non foi fácil convencelos, pero agora xa están máis animados», conta. Tanto é así que, este ano, a participación veciñal permitiu aumentar o número de personaxes de época. E ás lavandeiras, forneiros, telleiros, ao barqueiro, ao cura e á parella da Garda Civil que puideron verse o ano pasado paseando polo chan lousado de Furelos, sumáronse esta edición un limpabotas e un emigrante retornado, entre outros.

Palabras de loanza tamén ten para Jaime Soengas esta moza de Furelos que colga do seu costado o peso da organización desta volta a principios do século XX. Ese veciño de Melide é o decorador da asociación cultural Charamela, un colectivo local que, aínda que ten no teatro o seu selo de identidade, colabora activamente en diferentes actividades culturais, como a desta fin de semana en pleno Camiño Francés. O impagable traballo de Soengas ten que ver coa recreación artística dos espazos, aos que, ao igual que á vestimenta dos paisanos, non lles falta detalle.

Entre as novas personaxes que se lle engadiron á escena, figuran «unha banda coa que hai que ter tino coas galiñas porque era o que se roubaba antes», advirte Sara López. É un dicir porque Furelos está de volta ao pasado, e aínda sen ser así, é unha aldea de portas sen entornar que recibe cos brazos abertos para facer sentir a un coma na súa propia casa. Benvidos a 1900.