Reivindicación e lembranza nos cen anos da Irmandade da Fala de Santiago

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra alonso

Mesas redondas, teatro, monicreques e música conformaron a programación, que se prolongou durante toda a xornada

29 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O discurso que o 28 de maio de 1916 pronunciou Luís Porteiro Garea no Círculo Católico de Obreiros, que significaba o nacemento da Irmandade da Fala de Santiago, retumbou onte en varios escenarios compostelás en forma de teatro, mesas redondas, música e recitais poéticos dende o mediodía. Unha xornada na que, a lembranza do nacemento, se mesturou coa reivindicación da vixencia de moitos argumentos defendidos fai 100 anos.

Na igrexa de San Domingos de Bonaval, co Panteón de Galegos Ilustres de testemuña, celebrouse o acto central, que estivo articulado en torno aos dous últimos puntos do histórico discurso de Porteiro Garea: a poesía e Ramón Cabanillas. Lucía Novas, Claudio Rodríguez Fer, Helena Villar Janeiro e Salvador García-Bodaño puxéronlle voz a diferentes versos, sempre coa mirada posta nas Irmandades da Fala, no recital poético. Novas leu un poema dedicado a Ánxel Casal, Rodríguez Fer fixo fincapé na necesidade de «desprenderse da memoria incívica», Villar Janeiro homenaxeou á fala, e García-Bodaño leu dous poemas, un deles dedicado a Cabanillas, «o corazón das Irmandades».

O momento emotivo do acto púxoo Antón Porteiro, neto de Luís Porteiro, cando lembrou a súa figura e o seu compromiso con Galicia. Unha intervención que rematou recitando o poema que Cabanillas lle dedicara ao que fora concelleiro compostelá: «Tiña na frente unha estrela, tiña no bico un cantar...». Uns versos que espertaron o aplauso unánime do público que enchía os bancos da igrexa do Bonaval, entre os que se incluían representantes dos diferentes partidos con representación municipal. Pola súa banda, o alcalde Martiño Noriega animou a «aprender de Porteiro e das Irmandades». Despois, a música cobrou protagonismo nun concerto de canto e piano e tamén se fixo unha ofrenda floral no Panteón de Galegos Ilustres.

Durante todo o día, os actos sucedéronse para lembrar ás Irmandades e as persoas que estiveron vinculadas a ela, con moitas actividades de rúa nas que aos propios composteláns, tamén se unían os turistas, que gozaron coa música en directo ou as diferentes representacións.