«O BNG non pacta de calquera maneira e a calquera prezo»

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

Afirma que nada cambiou desde que se iniciou o mandato en relación a unha oferta de entrar no goberno

26 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Rubén Cela non andou con panos quentes á hora de cuestionar o primeiro mandato de Compostela Aberta, con quen puido estar nun goberno compartido que Noriega resucitou agora.

-Que axiña pasou un ano.

-A verdade é que si. O tempo pasa rápido e en política pasan moitas cousas en pouco tempo. Pero foi un ano moi intenso.

-Unha invitación de Noriega a gobernar, ¿esperábao?

-En política hai poucas cousas que sexan casuais, e non é casual que se produza xusto cando vai un ano de mandato de CA e en precampaña electoral. Hai máis interese en que se fale doutras cousas que en avaliar estes doce meses. E por outra parte se quere dar á cidadanía unha percepción de reforzamento do goberno, pero non existe aínda ningunha proposta formal.

-¿Que ou quen cambiou para dar ese paso do cogoberno?

-Non cambiou nada substancial a mellor. Hai catro anos o PP danou a imaxe de Santiago nunha etapa terrible e a cidadanía de Santiago rebelouse contra iso e votou un cambio radical respecto a xestión do PP cun goberno presidido por Noriega. Pero tamén que non houbese maiorías absolutas, e CA decidiu gobernar en minoría. Iso é lexítimo, pero non o é gobernar en minoría como se tiveras maioría absoluta. Nós facemos unha oposición leal fiscalizadora, propositiva e así seguiremos. En todo caso a oferta de Noriega é unha decisión que non me compete a min. E cando veña unha proposta formal analizarémola con seriedade e rigor.

-¿A un ano vista cometeu un erro CA ao non integrar ao BNG?

-É difícil prevelo. O que sei é que o BNG non pacta de calquera forma e a calquera prezo. Teñen que darse unhas condicións mínimas para darse ese pacto. Non perdemos a cabeza por estar no goberno. Nós o que queremos é ser coherentes co mandato das urnas. Pero facer oposición tamén é importante na democracia. Santiago é difícil de gobernar en minoría e hai que ter unhas actitudes políticas e humanas claras para levar iso a bo porto. Hai asuntos que necesitan consenso e hai que dialogar para acadalo e non funcionar como se tivera maioría absoluta. O goberno municipal ten moita marxe para gobernar sen dificultades, pero moitas cousas teñen que pasar polo pleno e a aritmética é a que é.

-Dixo que Compostela Aberta non encaixaba ben as críticas

-Non, e encaixar as críticas vai no posto. Pero ademais é un goberno incapaz de facer autocrítica. Houbo cousas nas que se equivocou claramente e nas que debeu entoar un mea culpa. O primeiro paso para enderezar algo é recoñecer que se fixo mal.

-¿Xeráronse moitas expectativas con Compostela Aberta?

-Non me cabe a menor dúbida. Pero non creo que se xeraran. As xeraron. E vexo a moita xente decepcionada agora. O que non podes facer é prometer cousas que non tés intención de cumprir. Iso é enganar. CA presentouse preconizando participación cidadá, diálogo, o pleno como epicentro, orzamentos participativos (aos que programou eu non lle chamo participativos) e nestes doce meses non hai nada.

-¿Municipalización?

-Agora non vale dicir que é moi difícil. Que o é. Son un firme defensor da prestación directa pública, pero hai un marco posto polo PP tremendamente regresivo e non todos os servizos públicos son doados de remunicipalizar.Pero CA tampouco avanzou cara esa remunicipalización. O que hai son fogos de artificio. Por contra, resulta chocante privatizar áreas como o protocolo. O que si creo é que hai que crear un servizo de inspección para seguir os servizos concedidos e verificar que funcionen ben. E non se fixo.

-Dá a impresión de que ven a Noriega endeusado.

-Eu o que vexo é fallos de coordinación no grupo de goberno, unha función do alcalde, e hai temas nos que hai que actuar e non deixar que podrezan. Hai cousas que lle levamos dicindo meses ao alcalde para corrixir aspectos que están mal ou prever situacións, por exemplo que os servizos non se presten de forma alegal como agora.

-As fochancas convertíronse nun tema moi controvertido.

-O estado lamentable das rúas non é responsabilidade do Compostela Aberta. A cidade non se levanta en nove meses. É o resultado de anos de conservación insuficiente. Pero nestes doce meses CA non fixo nada, e entón isto agrávase. Se o Partido Popular esgotou a partida, como así foi, hai a figura do modificativo de crédito para obter partidas e executar as obras.

«Remunicipalizar é moi difícil, pero Compostela Aberta non camiñou cara ese obxectivo»

«O que non podes facer é prometer cousas que non vas cumprir como fixo o goberno local»