«O goberno non está pechado, quero integrar o BNG e falar co PSOE»

La Voz

SANTIAGO

22 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Boa parte dos folgos do goberno de Compostela Aberta, en minoría, vanse na negociación cos outros grupos municipais por aquilo da aritmética política.

-¿Acusan ese desgaste?

-Dicíache que este ano aprendín a encaixar. Pois ben, tamén aprendín a dialogar... (fai unha pausa) máis alá do razoable. Pero non creo que sexa malo. É unha aprendizaxe impulsar o diálogo sendo consciente de que a maior parte dos concellos do país e do Estado están en minoría, e forma parte do novo mandato. É bastante esgotador, pero deu os seus froitos. Todos os puntos plenarios para captar fondos da UE saíron adiante, e somos a primeira cidade que aprobamos os orzamentos. Gastamos enerxía, pero era o único camiño. É bo transparentar que por este despacho pasan moitas veces todos os voceiros e antes dos plenos sempre pactamos cuestións básicas.

-Pero os veciños o que en realidade esperan é máis acción e menos negociación. ¿Vostede quere un acordo máis sólido?

-O goberno non está pechado e non descarto facer algún intento de amplialo este ano. Gustaríame integrar o BNG e xa o falei de xeito informal con Rubén Cela. E teño unha conversa pendente con Paco Reyes (PSOE) sobre o que foi este primeiro ano.

-¿No que queda do 2016, con dúas citas electorais á vista?

-Xa dixen que as eleccións o condicionan todo, pero aínda así vouno intentar. ¿Co BNG non da a aritmética? Xa o sei, pero sumarían e aportarían valor engadido. O problema é que nun mes hai unha campaña e os obxectivos son diferentes.

-A chave da estabilidade segue en mans socialistas.

-Tamén quero ter un diálogo máis directo co PSOE, pero o que me transmiten é que non hai interese. Pero polo menos avanzar na estabilidade dos plenos. É certo que hai competencia por liderar a alternativa ao PP no Goberno autonómico, pero non son situacións imputables a Santiago.

-¿As relacións persoais cos voceiros impulsan ou frean esa posible alianza máis ampla?

-Recoñezo que cústame chegar a acordos con Paco Reyes, pero non por non intentalo, senón porque cando estou no lugar de encontro o acordo xa está cinco metros máis alá. Pasoume coa organización municipal, cos orzamentos... sen chegar a tantos acordos é máis doado falar con Agustín Hernández (PP), porque os dous somos claros. Afórrame moitas enerxías.

-¿Entón, a falta de sintonía co PSOE é persoal ou de conceptos?

-Quero pensar que é a liña que marcou o grupo municipal polo desprazamento que sufriron coa chegada de Compostela Aberta. Pero se o que queren é intentar a recuperación dese espazo político, desde logo non pasa por non chegar a acordos. Cónstame que a base social do PSOE non entendeu a alianza co PP contra a nosa política fiscal.

-Compostela Aberta ten unha orixe heteroxénea. ¿Están xa compactados?

-Si, e é grazas á calidade humana. Estes doce meses cambiaron as nosas vidas, as de todos. Hai concelleiros cun nivel de entrega que vai más alá da representación institucional, con xornadas longuísimas e sen vida privada...

-¿Ve a alguén desbordado?

-A maioría non tiña experiencia na administración local e moitos enfrontáronse á realidade das tramitacións, que provocou certas frustracións. E tamén é certo que algúns levan áreas moi grandes. Pode haber axustes, iso está falado desde o principio, tanto se seguimos en solitario ou cun goberno máis amplo, porque a calidade de vida é moi mala (ri).