«Nas audicións para o público como solista é cando se ven as limitacións»

Coñecer técnica vocal e outras materias favorecen tamén ser mellor docente, afirma


santiago / la voz

«É unha carreira preciosa», valora Manuel Tojo (Santiago, 1968) ao falar de Canto. É o alumno máis vello do Conservatorio Profesional de Música de Santiago, onde hai 15 estudantes maiores de 30 anos (8 deles de máis de 35), e a maior veteranía está en Canto, indican no centro. A maioría comezan esta especialidade con menos de 20 anos. Para Manuel, supuxo regresar ao ensino non universitario con máis de 40 anos, despois de dúas carreiras, pois é enxeñeiro de Telecomunicacións e licenciado en Historia da Arte. Esta última xa a fixo após aprobar as oposicións para profesor de Electricidade e Electrónica de Formación Profesional, a súa profesión, que exerce no Politécnico de Santiago.

Hai uns días ofreceu o concerto de graduación no Conservatorio. Estivo acompañado do Coro Amigos do centro, que tamén dirixe. Estes estudos, di, representan unha aspiración de moitos anos: «Comecei a cantar en coros desde pequeno. En Vigo, cando estudaba Telecomunicacións, entrei no Coro Universitario, e estudei uns anos de Canto, que deixei. Por iso en Santiago comecei de novo, fixen os seis anos do grao profesional, coa profesora Aida López Carrera; foi unha experiencia magnífica. Podería facer agora o grao superior nos conservatorios da Coruña ou de Vigo, aínda que non vou continuar, porque á miña idade non ten moito sentido», afirma.

Para Manuel estudar Canto comezou como unha necesidade. «En coros onde se traballa con pezas de certa dificultade vocal notas moito se non tes recursos técnicos. E mellorar o aparato vocal tamén foi positivo para o meu traballo na docencia, pois aprendín a utilizar mellor a voz; levo uns 20 anos exercendo de profesor e só estiven afónico unha vez, por unha doenza. Vexo que moitos docentes non utilizan a voz correctamente a teñen problemas por iso», suliña.

Manuel di que un profesor, canto máis formación teña, de máis recursos vai dispor para transmitir coñecementos. Ao seu entender, a música, a Arte, e o Canto tamén complementan como persoa. Nesta experiencia como discente do Conservatorio Profesional de Compostela, Manuel comprobou que «os estudos de Canto están moi ben pensados. Desde primeiro ano hai que facer audicións, ti só con público. Para min iso foi novo, pois antes só tiña cantado facendo parte de coros. É foi moi positivo. Porque nas audicións para o público como solista é cando se ven as limitacións, que se superan con traballo e experiencia».

¿Recomenda a unha persoa nova interesada no Canto que o estude? «Si, e a unha idade máis nova. O ideal é que unha muller comece aos 16 anos, e un home aos 18. Hai saídas profesionais moi gratificantes, como as dos coros profesionais. O máis complicado é facer carreira como cantante solista, ou ser profesional de Ópera. Para a carreira de cantante solista hai que ter condicións físicas e mentais», responde.

Para dirixir o Coro Amigos do Conservatorio asistiu aos cursos de dirección coral Tamara Brooks organizados por Julio Domínguez, de Camerata ad Libitum «que son unha referencia. Ves o coro non só como cantante, percebes a dificultade de montar un repertorio ou traballar con varias voces diferentes. O Coro Amigos é extraordinario. E tamén dirixo o coro Irmán Gómez, dos xesuítas, e isto é curioso porque eu comecei cantando de neno na escolanía dos xesuítas», indica. A voz de Manuel é «entre tenor e barítono».. Como cantantes preferidos, cita «Fritz Wunderlich, ou mulleres como Simone Kermes e Cecilia Bartoli».

Manuel Tojo. Profesor da familia de Electricidade no Politécnico. Este curso finaliza os estudos de Canto no Conservatorio Profesional de Música de Santiago.

Director de coros. Cantou en varios coros, e dirixe o Coro Amigos do Conservatorio Profesional de Santiago, e o Coro Irmán Gómez.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Nas audicións para o público como solista é cando se ven as limitacións»