Miles de galegos percorren Santiago no 17 de maio

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO

SANTIAGO

Xoán A. Soler

Queremos Galego reivindica de xeito inmediato seis das medidas do Plan de Normalización

17 may 2016 . Actualizado a las 14:53 h.

O idioma é a vida. Baixo ese lema milleiros de persoas percorreron as rúas de Santiago no 17 de maio «polo dereito a vivirmos en galego». A marcha, que saíu da Alameda, contou coa asistencia da portavoz do BNG, Ana Pontón, Carlos Callón, candidato do BNG ás eleccións xerais, ou coa dos alcaldes de Santiago e Pontevedra, Martiño Noriega e Fernández Lores, respectivamente. Todos coincidiron en que o 17 é unha xornada de celebración, pero tamén de reivindicación.

O portavoz de Queremos Galego, Marcos Maceira, lamentou a actitude do Goberno galego, «que se caracteriza por acción ou omisión por atacar ao galego», e pediu que o goberno que saia das eleccións de outubro cumpra de primeiro seis das 400 medidas do Plan de Normalización que apoiou por unanimidade o Parlamento: garantir o ensino en galego, que o transporte público respecte a toponimia, que a administración pública permita o uso efectivo da lingua, un convenio coa radio televisión portuguesa, que a CRTVG sexa un axente de normalización, e finalmente que as axudas e subvencións estean subordinadas ao uso real da lingua.

Tamén Ana Pontón lembrou o orgullo da lingua propia, «que nos fai estar no mundo e nos abre as portas a unha das linguas máis faladas do mundo, aos países da lusofonía». A nacionalista denunciou a política de escrache do goberno de Feijoo «que pretendeu desafiuzar o galego do ensino». O vindeiro martes o BNG levará ao Parlamento unha moción para que a Xunta cumpra o que di o Consello de Europa respecto ás linguas minorizadas.

A marcha, nun ambiente festivo e baixo frases como Serei inmortal se TI me falas ou Sempre en Galiza, sempre en galego, rematou na praza da Quintana onde varias persoas recitaron A Fala, o poema de Manuel María, e tamén se leron unhas verbas da súa viúva, Saleta Goi. Houbo música da man de Mini e Mero para rematar coa lectura do manifesto a cargo do portavoz de Queremos Galego, Marcos Maceira, quen lembrou que «temos lingua propia e queremos vivir nela. Non é un capricho, é unha necesidade».