«Máis do 50 % das mortes por cancro teñen relación con fumar e a obesidade»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOÁN A. SOLER

O xefe de servizo de Oncoloxía do CHUS falará este mércores sobre a prevención e loita contra esta enfermidade no ciclo Charlas saudables

04 abr 2016 . Actualizado a las 01:08 h.

«De todas as dificultades que presenta o cancro, a máis importante é que está moi oculto. Moitas veces é como un iceberg, do que só emerxe unha parte e o resto non se ve; ou como dar cunha agulla nunha palleira», afirma Rafael López, xefe de Oncoloxía do Clínico. O mércores, ás 20.00 horas, na sala de Afundación, falará sobre Combatamos todos o cancro. Intervirá no ciclo Charlas saudables en Compostela, que organizan a Xerencia de Xestión Integrada do Sergas e La Voz de Galicia. A entrada é libre e gratuíta, e López responderá ao final preguntas do público.

-Agora mesmo, ¿cal ve como maior problema da Oncoloxía?

-A maior debilidade que temos é a falta de financiamento para a asistencia e a investigación. Cun financiamento insuficiente como o actual non se aguanta o tratamento das principais doenzas crónicas, non só do cancro.

-¿E cal é a prioridade asistencial?

-Continuar incrementando a calidade de vida e a supervivencia dos doentes, porque hai moitas diferenzas: nalgúns tumores a supervivencia atinxe o 95 %, noutros apenas supera o 5 %.

-¿Como se consegue ese incremento ?

-Investigando, para comprender os mecanismos como funciona o cancro, que xa causa unha de cada 4 mortes nos Estados Unidos e unha de cada 7 en todo o mundo, e continúa a aumentar. Cada vez hai máis convencemento de que cancro é sinónimo de diñeiro.

-¿Como é iso?

-Iso significa que os países que máis invisten en cancro teñen maior supervivencia. Así, en Europa, están mellor en Noruega, Suecia e Austria; Italia, España e Portugal están polo medio; e Bulgaria, Lituania, e os países do Leste en xeral, os peor situados.

-¿Como evolucionou a supervivencia?

-Depende do tumor e do estado no que se trate. O que máis se cura é o cancro de testículo, máis do 95 %; e o que menos, o de páncreas. Un bo exemplo da evolución é o que acontece co de mama, moi frecuente: hoxe temos éxito no 86 % dos casos, cando en 1933 era practicamente do 0 %; a melloría aumentou sobre todo os últimos anos.

-¿Como se pode mellorar máis?

-É moi importante, fundamental, a prevención. Porque máis do 50 % das mortes por cancro teñen relación con fumar e a obesidade. Esas dúas causas suman máis casos que as outras que se citan entre as máis frecuentes, como as infeccións por virus, bacterias e outros patóxenos; a dieta, a exposición ao sol, a polución, ou os efectos de fármacos.

-¿Cal é a maior dificultade para tratar o cancro?

-Entender os seus mecanismos moleculares e vencer a súa resistencia. Os novos fármacos quimioterápicos, por exemplo, teñen moitas posibilidades. Porén, hai casos como un melanoma moi presente en todo o corpo que conseguimos eliminar co tratamento, e ao cabo dalgunhas semanas volveu. Os mecanismos de resistencia do cancro é un tema moi complicado.

-Están avances como a inmunoterapia...

-É certo, é un avance; porén, tamén hai tumores resistentes á inmunoterapia. O problema é a investigación de novos fármacos, que resulta moi lenta e cara.

-¿Como lle comunica a un doente que ten un cancro?

-É un diagnóstico complicado, duro, unha pésima noticia; aínda que peor é que te enganen, en todos os aspectos da vida. Hoxe xa se fala abertamente; non é como a principios dos anos 2000, cando nos pedían que lle ocultásemos a algunhas persoas o diagnóstico; iso é agora moi raro.